Gastronomía e arte con raíces irmandiñas

A Taberna de Sargadelos súmase ao ideario da marca e serve comida tradicional galega nas artísticas vaixelas do complexo industrial
Interior de la Taberna de Sargadelos. EP
photo_camera Interior de la Taberna de Sargadelos. EP

A Táboa dos Irmandiños, o antigo comedor dos traballadores da fábrica de Sargadelos, recuperou a súa función principal, tras permanecer doce anos pechado, coa chegada da Taberna Sargadelos. Este local hostaleiro, que se atopa xunto á entrada principal da fábrica, naceu co fin de unir o potencial da marca e a súa torrente creativo coa experiencia de máis de trinta anos do Grupo Borges na xestión de establecementos hostaleiros.

David Molejón é o xerente deste espazo situado na planta circular, aberto hai pouco máis dun ano, o 18 de xullo de 2020. O establecemento combina a tradición artística e gastronómica. Mo-lejón subliña que a filosofía da Taberna naceu como "un catálogo práctico da fábrica e a galería onde se mostra a vaixela colocada na propia mesa onde come o cliente".

Ä súa fusión co ideario da marca Sargadelos súmase a carta, coa que transmiten unha mensaxe clara: "Centrámonos nos sabores típicos da gastronomía galega", explica David Molejón. Dentro do menú pódese atopar unha ampla variedade de primeiros, segundos e sobremesas, moitos deles con nomes que levan ao cliente a pensar e mergullarse no misterio e a maxia que evoca Sargadelos. "Hai tres pratos que aparecen en todas as comandas e son o polbo á feira inspirador de verbenas e madeiras, os callos que tomban e sanan e o raxo dos altruístas ceramistas", conta o xerente da Taberna Sargadelos. A estes pratos súmase o queixo con noces e marmelo, "unha sobremesa característica das casas galegas". é un menú que recorda os das festas ou os dos pazos, pero cun toque engadido de refinamiento na súa elaboración.

Todos os pratos son elaborados a través da receita tradicional e con produtos de orixe galega, como o queixo de Arzúa-Ulloa ou o polbo que, aínda que como destaca David Molejón, "é autóctono, do Cantábrico, aínda que resulta difícil de atopar".

O mesmo patrón seguen os viños e vermús, todos de orixe galega, que se plasman nunha pequena carta de caldos embotellados e outros colleiteiros, "como o Barrantes de barrica, pouco usual na maioría das tabernas, así como mencías, albariños colleiteiros ou o viño revolto", engade Molejón.

Ademais do servizo de restauración, no que tamén se ofrecen almorzos, a Taberna de Sargadelos é un lugar idóneo para achegarse a tomar algo e gozar do esa suxestiva mestura de arte, historia e natureza que envolve Sargadelos.

UNHA FUSIÓN ÚNICA. Comer en vaixela de Sargadelos non é algo que salga do común para a maioría dos galegos, que, como norma xeral, conta con algún modelo desta louza nas súas casas. Ata hai uns anos tamén se podía ver en grandes romarías como no Naseiro. Pero saír a comer ou tomar algo en familia e facelo en vaixela de Sargadelos é unha tradición que só manteñen en restaurantes de prestixio. Por iso é polo que este detalle chamase a atención non só de visitantes, senón tamén dos veciños da comarca.

A carta e a louza fan única á Taberna Sargadelos, do mesmo xeito que algúns aspectos decorativos como os mosaicos que adornan o seu interior, feitos por Luís Seoane, cando se decidiu abrir un comedor na fábrica de Sargadelos para os seus traballadores, e que "polo seu valor histórico, artístico e cultural esta empresa decidiu «manter no seu sitio", agrega David Molejón.

Un percorrido polo recinto fabril
No complexo de Sargadelos fusiónanse unha serie de actividades coas que dar a coñecer a historia e tradición desta firma de ceráminca galega coñecida en todo o mundo. A Taberna Sargadelos tamén entra dentro deste percorrido que empeza no museo, onde se expoñen a historia e as pezas máis relevantes da marca, e que continúa pola fábrica, a galería e tenda, e que acaba na Taberna coa degustación de pratos típicos galegos.

NOVA INICIATIVA. A Pía do Xunco, esa característica piscina situada no exterior do complexo de Sargadelos, pasou a ser de visita obrigada no percorrido de produción e instalacións ao albergar este verán unha intervención artística que comezou a visitarse dentro do conxunto.

Comentarios