A Garda Civil propón 6.000 euros para un condutor por ocultar a matrícula

O autor desta infracción foi detectado na estrada que conecta Mondoñedo con Ferreira tras a investigación realizada logo de recibir aviso doutro particular 

A Garda Civil de Lugo identificou un turismo, circulando pola estrada LU-160 (Mondoñedo-Ferreira) á altura do quilómetro 15,100 que circulaba cara á cidade episcopal e levaba instalado un sistema de ocultación da placa de matrícula na parte traseira do vehículo, culminando así unha investigación iniciada meses antes.

As pescudas comezaron grazas á colaboración cidadá. Un condutor comunicou hai meses que vira un vehículo circulando coa matrícula traseira tapada, lográndose agora a localización do automóbil e do autor.

Unha vez interceptado o vehículo e identificado o condutor e titular do mesmo, os gardas confirmaron as sospeitas de que o vehículo levaba instalado un sistema que, accionado por un mando a distancia e a vontade do condutor, ocultaba a matrícula traseira, interferindo sobre os diferentes sistemas de vixilancia e control do tráfico (cinemómetros, radares de tramo, cámaras de cinto de seguridade e móbil, cámaras de xestión de tráfico e de aeronaves).

Os axentes denunciáronlle por infracción do artigo 77 da Lei de Seguridade Viaria ao “conducir levando instalado un inhibidor de radar ou calquera outros mecanismos encamiñados a interferir no correcto funcionamento dos sistemas de vixilancia do tráfico”, a cal leva aparellada unha sanción de 6 puntos e de 6.000 euros sen dereito a redución do importe, expediente remitido á a Xefatura Provincial de Tráfico en Lugo.

A infracción podería implicar ademais a inmovilización ata que desaparezan os motivos, pero non levou a cabo porque o mesmo foi trasladado a un taller para desinstalar o dispositivo que foi intervido polos gardas, quedando este a disposición da autoridade sancionadora.

Máis en A Mariña