Garantir a seguridade en rúas de Viveiro

O Concello executou de xeito subsidiario traballos nun inmoble en mal estado da rúa Rosalía de Castro ao non localizar ao dono. A Administración local tramitará novas ordes ao existir aínda numerosas vivendas con deficiencias no centro histórico
undefined
photo_camera Edificio do número 16 da rúa Rosalía de Castro. EP

O Concello de Viveiro levou a cabo unha actuación subsidiaria no edificio situado no número 16 da rúa Rosalía de Castro, debido a que dito inmoble estaba en mal estado, razón pola que se incoou un expediente con orde de execución ao non ser posible localizar o propietario.

A entidade local fixo diversas tentativas para notificar ao dono e iniciou as obras "en aras a manter a edificación en condicións de seguridade, salubridade e ornato público". O Concello realizou os trámites necesarios para acometer de oficio as obras, que consisten na retirada de galerías na fachada posterior, a limpeza da cuberta, a colocación de rede desde a mesma para evitar a caída de elementos á vía pública, a colocación de canlóns e baixantes, a consolidación da cornixa para que non caian pedras e o peche dos ocos na fachada mediante taboleiros pintados.

A entidade local solicitou ao IGVS que axilice a rehabilitación do inmoble que ten no número 22 da rúa Rosalía de Castro 

Os traballos precisos para a retirada de todos os elementos que ameazaban con desprenderse da fachada requiriron a colocación de estadas no patio interior. Nos próximos días prevén acometer a limpeza da cuberta, o peche de ocos e o arranxo da cornixa.

COLABORACIÓN. O goberno local agradece aos propietarios dos inmobles lindeiros a súa colaboración ao permitir acceder a devandito edificio a través das súas vivendas. Ademais, recorda que en decembro de 2020 ditou un bando no que advertía aos donos de vivendas situadas no centro histórico sobre a obrigatoriedade de acondicionar as cubertas, canlóns, limpar a vexetación e eliminar os elementos que puidesen ser susceptibles de caer á vía pública, o que supón un risco para os viandantes.

CASAS EN RUíNAS NO CASCO ANTIGO DE VIVEIRO - FOTO JM ALVEZ

Outras medidas de conservación recomendadas son o peche dos ocos na fachada sen carpintería e utilizando para iso taboleiros pintados en negro mate, ademais de suprimir rótulos, publicidade relativa a locais comerciais que estean sen uso, xunto coa substitución de canlóns e baixantes en mal estado, o pintado das fachadas dos baixos, a limpeza de plantas baixas e a eliminación de instalacións de subministración sen uso na actualidade.

O Concello emitiu un bando en decembro de 2020 para recordar aos donos a obrigatoriedade de conservar os inmobles

O bando citado establecía un prazo dun mes para a realización de devanditas actuacións. "Tendo en conta o tempo transcorrido e que continúan existindo dentro do centro histórico numerosas vivendas que presentan deficiencias, por parte do Concello de Viveiro comezaranse a tramitar as correspondentes ordes de execución", anuncia o goberno vivariense.

O Concello tamén contactou verbalmente co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que axilice a rehabilitación do edificio situado no número 22 da rúa Rosalía de Castro. En caso de non actuar, requirirá para que tramite coa maior celeridade posible devandita mellora, que é da súa propiedade e que está previsto destinar a vivendas. A alcaldesa, María Loureiro, xa tratou esa demanda nunha reunión co xefe territorial da Xunta.

Outros abandonos en Suasbarras de Covas ou Celeiriño
O mal estado dos inmobles non é exclusivo do centro histórico vivariense, senón que tamén se dá noutras parroquias, como é o caso do barrio de Suasbarras, pertencente á parroquia de Covas, ou o do Celeiriño, na de Celeiro. A marcha dos residentes por diferentes causas motivan esta situación. 

Precintos
Esta cuestión obriga ao Concello a tramitar expedientes para requirir aos titulares a conservación en condicións dos diferentes inmobles, ademais de colocar precintos ou valos para sinalizar o perigo cando se producen desprendementos cara á vía pública.

Comentarios