"Se Fuxan seguise sendo un grupo comprometido sentiría mágoa de telo deixado, pero non foi así"

Mero formou parte de Fuxan os Ventos dende 1972 a 1983, cando el e Mini o deixaron ao non estar de acordo coa decisión do resto de "comercializar o grupo e abandonar o compromiso social". Di que o sucedido non se contou como realmente foi e fixo un libro a partir de anotacións e documentos daquel tempo
Baldomero Iglesias, Mero. XESÚS PONTE
photo_camera Baldomero Iglesias, Mero. XESÚS PONTE

Baldomero Iglesias, Mero, recibiu o convite da asociación Xebra para presentar este sábado ás doce do mediodía no seu centro social de Burela o libro 50 aniversario. Fuxan os ventos. Quixo o paxaro pousar a póla no seu chío (Editorial Galaxia). Acompañarao o xornalista Xulio Xiz e actuará o quinteto de gaitas Carricantos.

Que o levou a escribir este libro?
Eu son un dos fundadores do grupo, que dos que están agora ningún estaba no principio de Mondoñedo —o primeiro concerto dérano en 1972 nas San Lucas—, e quedan cousas que non se contaron ben ou se obviaron contar. Houbo xente que me pediu facelo, como Xesús Mato ou antes de morrer Suso Baamonde, e propúxomo Galaxia hai dous anos. Eu xa tiña moitas notas tomadas de como foron os aconteceres, incluso recortes orixinais de prensa de como se desenvolveron os feitos, non só os conto, aporto a documentación que gardei. Este libro saíu para poñer as cousas no seu sitio e saen unhas cantas, non todas porque eu tiña oito carpetas gardadas daqueles aconteceres e abrín tres, tampouco penso que lle poida interesar á xente desmiuzar as cousas ata tanto, pero polo menos si deixar dita a verdade de como sucederon.

Que pasou daquela para que vostede e Mini deixasen o grupo?
Deixámolo porque eles estaban de acordo en que había que comercializar o grupo e abandonar o compromiso social. Vivían xuntos nun piso en Lugo e un día, creo que o 7 de xaneiro de 1983, nunha reunión para propoñer novas actividades e empezar cos ensaios, tiñan acordada a proposta do abandono das causas sociais e de comercializar o grupo, algo que está en artigos da prensa dito por eles. E esas dúas circunstancias non as apoiamos ningún dos dous. Mato xa abandonara o grupo algo antes e entón marchamos Mini e eu. Estaba tacitamente aceptado que os que marchaban deixaban todo o que había no grupo, tanto fosen cartos como instrumentos como moita ilusión.

Arrepentiuse?
Non, vendo como aconteceron as cousas e como seguiron sen mollarse non me arrepentín. Se Fuxan os Ventos fose o grupo para o que naceu, si, se seguira sendo un grupo de compromiso tanto cultural como político-social tería mágoa de telo deixado, pero non foi así. Eles desde 1983 navegaron sós pero navegaron frouxamente, hai que dicilo, porque neste tempo deron algo así como dez concertos e gravaron dous ou tres discos en 40 anos. E nós por outro lado fixémos A Quenlla, gravamos 16 ou 17 e fixemos centos ou miles de actuacións de intervención social e de denuncia, de aquilo que pretendiamos que Fuxan fixesen e que desde aquel momento decidiron non facer.

Este libro saíu para poñer as cousas no seu sitio. Tiña oito carpetas gardadas daqueles aconteceres e abrín tres


Que acollida está tendo a publicación deste libro?
Polo que sei a xente sorpréndese porque ve as probas e todo iso. O libro véndese moi ben, acudiu moita xente ás presentacións, aceptouse moi ben.

O seu camiño e o de Mini tamén se separaron.
Mini cando saíu elexido deputado estableceu outras prioridades entre as que non estaba cantar, iso supoñía reconstruír o grupo como se puidese, e así se fixo. En A Quenlla, dos vellos estou eu, Valery Zviarzhevich estivo ata agora pero empeza a ter outros labores e o resto é xente nova; está Tania Capón, Paloma Suances, Yaiza Seijo, Manolo Dopico e Álvaro Cardalda, somos seis.

Segue creando música nova?
Si. Con A Quenlla acabamos de gravar un disco de Avelino Díaz, o poeta da Órrea, e temos preparado outro novo disco con doce temas para sacar en breve, xa está gravado, só falta mesturalo e imprimilo. E aí seguimos traballando, dando guerra.

Comentarios