A futura depuradora de Foz terá capacidade para máis de 22.000 persoas

A Xunta publicou o anteproxecto das instalacións, cun orzamento superior a 12,2 millóns

Castiñeira, frente al proyecto de la futura depuradora. AMA (Foz)
photo_camera Castiñeira, fronte ao proxecto da futura depuradora. AMA

A nova depuradora proxectada para Foz está deseñada para atender as necesidades de 22.342 persoas co fin de dar servizo tanto aos residentes habituais, que superan os 10.000, como á poboación estacional que na época estival case se triplica e pode crecer en 13.809 habitantes, entre a ocupación das prazas hostaleiras e as segundas residencias. Así o anunciou este xoves a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que, a través de Augas de Galicia, publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete a información pública o anteproxecto e o estudo de impacto ambiental da actuación nos colectores xerais de saneamento e da nova depuradora. A partir deste venres, o anteproxecto estará 30 días en exposición pública para consultar e presentar suxestións.

As obras proxectadas por Augas de Galicia, que teñen un orzamento de máis de 12,2 millóns de euros, consisten na execución dunha nova depuradora na zona da Granda, entre Forxán e Fazouro, e unha serie de intervencións na rede de saneamento que permitan o transporte ata a nova localización das instalacións e a vertedura tras o seu tratamento. O anteproxecto inclúe un tanque de tormentas, de 1.000 metros cúbicos, situado xunto á antiga depuradora no porto, así como unha modificación dos actuais bombeos para ampliar o seu caudal e capacidade. Tamén prevé conducións de impulsión e colectores por gravidade, mantendo a rede actual pero complentándola en distintos tramos para facer chegar a auga residual á nova estación, que realizará o bombeo de cabeceira na Avenida de Viveiro.

Unha vez que a nova infraestrutura entre en servizo demolerase a existente.

Esta actuación hidráulica está cofinanciada pola Unión Europea nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

ALCALDÍA. Neste sentido, pronunciouse onte o alcalde de Foz, Javier Castiñeira subliñando a importancia da noticia: "É un paso adiante para solucionar un dos maiores problemas que ten este concello, que é o seu saneamento, o que afecta negativamente á nosa ría, ao noso turismo e directamente ao convivir dos nosos veciños, posto que no seu día se situou unha depuradora nun sitio que non é adecuado, que é a zona portuaria, e cun sistema que a día de hoxe non cumpre coas expectativas para un pobo como é Foz".

Castiñeira subliñou o traballo de Augas de Galicia e do Concello para sacar adiante este proxecto e tamén agradeceu ao presidente da Xunta o seu apoio á actuación, así como ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, "por estar sempre pendente en axilizar estes temas".

Comentarios