Un freo á violencia de xénero

Os concellos mariñáos están a facer públicos os actos cos que conmemorarán o 25-N, unha xornada marcada por reivindicacións de moi distinto tipo pero cun obxectivo común, a concienciación de toda a sociedade.
Presentación das actividades a realizar en Ribadeo. EP
photo_camera Presentación das actividades a realizar en Ribadeo. EP

Entre as actividades que os concellos mariñáos van programando para o 25-N sobresaen especialmente todas as vencelladas á reivindicación e concienciación do que está a acontecer cun verdadeiro drama social que se cobra ducias de vidas cada ano e arrastra a miles de mulleres a situacións de auténtica desesperanza.

Campaña en Ribadeo

A campaña no Concello de Ribadeo foi deseñada dentro da Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Está centrada na mocidade e protagonizada polos centros de ensino. Denomínase Calar non é amar. Ti, dona de ti e foi presentada este venres. Inclúe o resultado dun traballo realizado polo estudantado ribadense que se dará a coñecer o xoves ás oito da tarde no Teatro.

Mariluz Álvarez, a concelleira de igualdade, subliñou que tratarán de desterrar a idea de que é necesario aguantalo todo por amor "e que non nos quere quen nos dana. Nós como mulleres somos donas de nós e temos dereito a decidir o que queremos. A imaxe gráfica desta campaña, que imos facela extensible a toda a cidadanía, foi deseñada por Lucía Miranda Santamarina, unha alumna de primeiro de bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo".

Participarán na campaña todos os centros educativos do concello e Álvarez Lastra indicou sobre este ano que "a mocidade, como usuaria das redes sociais, deu un paso á fronte e utilizou as ferramentas de TikTok e Instagram dun xeito responsable e comprometido contra a violencia de xénero. Polo tanto, elaboraron os seus TikTok e os seus Instagram, algo do que imos facer partícipe á cidadanía".

Os menores de catorce anos expresaron a través de debuxos, de imáns e de cómics a sensibilización e a denuncia contra a violencia de xénero. O resultado de todo o traballo vai ser feito a través dunha montaxe que se presentará o día 25.

Espazo +60 Viveiro

En Viveiro polo de agora fixo públicas as actividades que farán o denominado Espazo +60 Viveiro, que o propio día 25 xunto co colexio Landro ás dez e media da mañá farán un acto no que socios do centro lerán un conto infantil e realizarán un mural cos corazóns pintados polo alumnado de primeiro e segundo de infantil. A actividade rematará coa solta de globos de corres dende os xardíns Noriega Varela.

Esta actividade desenvólvese dentro da iniciativa El valor de la experiencia da área de envellecemento activo de Afundación, que ten como finalidade promover o papel activo dos maiores na sociedade e máis o voluntariado interxeracional.

Varios días de actividades en Xove

O Concello de Xove, a través da Concellería de Servizos Sociais, ten preparados e confirmados varios actos que arrancan o luns 22 co obradoiro Violencia de xénero no novo contexto dixital, unha actividade concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade e organizada pola concellaría de igualdade e o IES Illa de Sarón, dirixida ao alumnado de secundaria.

O día 25 preséntase o plan municipal integral contra a violencia de xénero do Concello de Xove e o calendario 2022 pola igualdade e contra a violencia de xénero. Este último deseñado polos rapaces e rapazas participantes no taller de igualdade da Omix. O día 27 é a entrega de premios o Concurso Tiktok pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, na Omix ás doce. O Concello está a elaborar o plan de igualdade interno.

O CIM prepara diversas propostas en Mondoñedo

Un ano máis o Concello de Mondoñedo canaliza os seus actos a través do CIM. O día 25 de once a doce e media haberá un punto informativo na Praza do Concello, onde se repartirá material. A mediodía terá lugar a lectura do manifesto contra a violencia de xénero e gardarase un minuto de silencio. Para esta data está prevista a iluminación morada da Fonte Vella e da Casa do Concello.

Como é costume no Concello de Mondoñedo, as actividades contra a violencia de xénero non se centran nun único día, senón que se estenden ao longo do mes de novembro. Así, estanse a realizar diferentes actividades. Por unha banda, instaláronse vinilos pola igualdade no Concello e nos centros educativos.

O pasado día 3 houbo contacontos sobre igualdade de Vero Rilo na escola infantil e o día 13 o Concello colaborou co GDR Terras de Miranda e Agader nunha andaina denominada O rural contra a violencia de xénero. Igualmente, o Concello colabora coa asociación Mulleres en Igualdade Bumei na gravación dun anuncio televisivo contra a violencia de xénero.

A programación de actividades continuará anunciándose no resto de concellos mariñáns.

Barreiros ► Crean unha Mesa contra a Violencia 
Presentación das actividades a realizar en Ribadeo.
O Concello de Barreiros constituíu este venres a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, que inclúe administracións e organismos dese eido. Coordinará a axentes implicados na loita contra a violencia de xénero e a alcaldesa, Ana Ermida, agradeceu a participación da Xunta, Subdelegación do Goberno, centros educativos, persoal sanitario, CIM e Garda Civil. A edila de igualdade, Montse Porteiro, dixo que a mesa formará á poboación en prevención e a actuación, nos casos en que sexa preciso, recaerá só en persoal técnico. Terá reunións semestrais.

comentarios