sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Fran Cajoto: "As medidas sanitarias e sociais son a nosa prioridade dende o principio"

Fran Cajoto. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Fran Cajoto. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello de Foz efectuou accións sanitarias coa desinfección de espazos públicos e sociais coas persoas que máis as precisan. O rexedor estuda ademais fórmulas para a recuperación económica posterior e reclama máis información sobre test e protocolos na residencia focega

Os concellos son as administracións máis próximas aos veciños e, como tales, aquelas que lles teñen que dar as primeiras respostas. Por iso dende as alcaldías levan días traballando para atallar a crise sanitaria e social que desencadeou o Covid-19.

Cales foron as primeiras medidas que puxeron en marcha dende o Concello de Foz nesta crise?
Dende o primeiro primamos a precaución e a responsabilidade. As primeiras medidas estiveron encamiñadas a atallar a crise sanitaria coa desinfección dos espazos públicos e tamén fomos dos primeiros concellos en activar os teléfonos para dar apoio á hora de facer a compra ou ir á farmacia para as persoas que o precisaran. Tamén fixemos un reforzo do banco de alimentos con persoal municipal para facer os repartos ou con compras directas por parte do Concello, que se uniron a outras doacións. O fundamental son estas actuacións, pero dende a área de cultura tamén se puxeron en marcha concursos online que están tendo boa acollida.

Reciben moitas consultas dos veciños sobre este tema?
Hai moitas dúbidas, por iso a través das nosas redes sociais informamos dos teléfonos de emerxencia social e de axuda sanitaria. A xente tamén quere saber cousas do día a día do Concello, pero en xeral son dúbidas sinxelas de fácil solución.

Algúns concellos están anunciando a anulación de recibos ou o atraso e fraccionamento de impostos, barallan algunha destas medidas?
Estamos traballando niso, pero non queremos anunciar nada ata que teñamos claros todos os puntos legais. De todas formas, aqueles servizos que non se prestaron imos traballar para devolver os recibos e tamén dende a Deputación se retrasou o pago dos aparcamentos. Ademais, queremos modificar o das terrazas da hostalaría.

Traballaremos en medidas para axudar na recuperación económica, que vai levar certo tempo

O comercio será un factor moi afectado pola crise, manteñen contacto con eles?
Estivemos falando co presidente da asociación de comerciantes, José Carlos Paleo, sobre todo con vistas ao futuro para ver como se pode reactivar o comercio local unha vez que pase a crise sanitaria. No Concello pensamos que a recuperación económica vai levar un certo tempo e iso preocúpanos, por iso estudaremos calquera fórmula que permita axudar.

Como xestionaron a aparición de casos positivos na residencia?
Dende o primeiro caso positivo solicitamos ao Sergas que se fixera a proba de diagnóstico a todos os usuarios e traballadores por se puidera haber máis infectados e fíxose. Agora pedimos que se nos trasladen os resultados e os protocolos a seguir porque a situación é complicada, tamén para as familias. Necesitamos máis información da que estamos recibindo.

Como se están organizando co resto das administracións?
Mantemos contacto directo as 24 horas. Falamos coa Subdelegación do Goberno, coa Xunta e coa Deputación e todos os alcaldes da Mancomunidade tamén compartimos información moi rápido porque afrontamos os mesmos problemas. Hai un bo espírito de colaboración entre todos e iso é importante.

Fran Cajoto: "As medidas sanitarias e sociais son a nosa prioridade...
comentarios