A FP Dual avanza como opción segura de emprego que crecerá pola Mariña

Álvaro Doural fará un estudo para conectar as necesidades das empresas coa oferta dos centros de ensino

Alumnos de FP colocan paneles fotovoltaicos. AMA
photo_camera Alumnos de FP colocan paneis fotovoltaicos. AMA

A FP Dual experimentará no curso 2020-21 un impulso para o que se empezará a traballar no próximo mes de setembro. Coordinarao o profesor ribadense Álvaro Doural, que xa fixo unha aposta forte no Porta da Auga de Ribadeo coa oferta desta formación en Carrocería, Construción e Atención a Persoas en Situación de Dependencia. Este sistema educativo que mestura formación con implantación no mercado laboral é a día de hoxe un método practicamente garantido de acceso ao mercado laboral debido ás dificultades que atopan moitas empresas de distintos sectores para atopar profesionais preparados dispostos a comezar a traballar.

Aínda que a día de hoxe a oferta na Mariña é, ademais da do Porta da Auga, de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural no IES Plurilingüe San Rosendo e de Dirección de Cociña e Servizos de Restauración no IES de Foz, Doural avanza que as súas aspiracións son que esa oferta creza notablemente e para iso o seu traballo consistirá en pór en contacto a empresas e alumnos.

Xa o está facendo e recorda que a aspiración da FP Dual é "chegar a todos os sectores produtivos". Pero para iso en setembro vai realizar un estudo "das necesidades reais que existen no mercado" pero que el, dada a súa experiencia, xa sabe que "son moitas e moi variadas". Para iso manterá reunións con empresarios e con responsables de centros educativos aos que exporá claramente o proxecto. En esencia este consiste en formarse no centro e durante o curso realizar xa prácticas remuneradas en empresas cotizando á Seguridade Social.

Álvaro Doural explica que coa expansión da FP Dual non se trata de desmontar nada do que existe actualmente, senón simplemente dar outra opción.

Ademais, a idea é que esas opcións que se dan estean enmarcadas no territorio "de xeito que, por exemplo, se facemos algo vencellado ao mar ou que ten máis sentido é que se imparta en centros de Burela ou de Viveiro, que é onde eses sectores teñen unha maior implantación".

GRANDES EMPRESAS. Unha idea que baralla é tratar de traballar a fondo con grandes empresas como poden ser Reny Picot ou Ence, ambas de Navia, "porque demandan unha gran cantidade de traballadores que non sempre se pode satisfacer e por iso nos gustaría poñernos de acordo con eles como con outras como pode ser Gondán, por exemplo. Hai que falar con elas para coñecer que tipo de perfil é o que lles encaixa máis e así nós poder afinar tamén na nosa oferta e complementarnos".

Da experiencia que xa ten Álvaro Doural di que a idea é moi ben acollida polas empresas. En canto ao alumnado, a cousa vai máis ou menos ben e por exemplo no caso da oferta de Atención a Persoas en Situación de Dependencia de Ribadeo o número de prazas dispoñible está practicamente cuberto.

Cre que isto mellorará "porque non estamos a inventar nada. Funciona moi ben en moitos países de Europa e as porcentaxes de inserción laboral que hai son inmellorables".

CARACTERÍSTICAS. A característica máis importante que ten a FP Dual é que a partir do cuarto mes de clases no centro o alumnado pasa xa a un centro de traballo onde realizará un traballo remunerado mentres se segue formando. Por iso Doural indica que o alumnado que chega "son persoas que queren empezar a traballar xa".

Outro factor importante é que todo o alumnado de FP Dual é maior de 18 anos. Con esa idade e xa con certa andaina vital, a formación que se obtén abre de forma rápida as portas a un mercado laboral ao que se vai a tiro fixo e con demanda de empresas interesadas.

SEN INTERACCIÓN. A pesar de ser un ensino de Formación Profesional, as de tipo Dual impártense por separado dos ciclos ordinarios regulados xa que o seu funcionamento non é o mesmo nin tampouco están dirixida exactamente ao mesmo tipo de alumnado.

Comentarios