Foz reserva uns 90.000 euros para comprar os terreos da nova Edar

O alcalde insta á Xunta a axilizar os seus trámites pois a obra debe estar lista en 2023
undefined
photo_camera O alcalde, Fran Cajoto, xunto á Edar focense. EP

O Concello de Foz consignará preto de 90.000 euros de fondos propios no orzamento municipal deste ano para a compra dos terreos necesarios para a construción da nova Edar, segundo anunciou ao alcalde, Fran Cajoto, que demanda á Xunta que axilice a aprobación do anteproxecto e do estudo de impacto ambiental pois recorda que "esta infraestrutura debería estar en funcionamento desde o ano 2020 segundo o convenio asinado non 2016".

Cajoto precisa que esta dotación será financiada ao 80% por fondos europeos do programa Feder Galicia 2014-2020, que se prorrogou por tres anos polo que "a xustificación final deberá realizarse antes de decembro do 2023, e só restan dous anos e medio para cumprir con Europa". O rexedor di que neste tempo débese licitar o proxecto construtivo e de obra, redactar e aprobar o proxecto construtivo, executar a obra e poñer a Edar en funcionamento. "Iso sen contar que aínda está pendente a aprobación final do anteproxecto e o estudo de impacto ambiental, a aprobación en pleno, a compra dos terreos unha vez se aprobe definitivamente o anteproxecto e todos os requisitos que conleva un proxecto destas características. Hai demasiado pouco tempo", incidiu.

O alcalde subliña que a localización elixida non é na súa opinión a óptima, pero que con todo están "a colaborar en todo o necesario para que Foz non perda a oportunidade de contar con esta infraestrutura tan necesaria" para tratar o volume de augas residuais e "coidar unha ría cualificada como LIC e Zepa, de tanta importancia ambiental".

Doutra banda, Fran Cajoto considera que a empresa que redacta o proxecto construtivo debería ser completamente independente da que execute a obra. "A Xunta non pensou nisto e de xeito evidente errou, pois o adxudicatario poderá optar por facer un proxecto con solucións máis económicas e non as mellores tecnicamente", di, polo que solicita a Augas que permita ao Concello "formar parte da supervisión do proxecto construtivo".

Recorda que tamén propuxeron a integración coa contorna do tanque de tormentas que se fará na chaira do porto e a recuperación da nave da actual depuradora para usos municipais, ademais de pedir que a nova Edar teña o menor impacto a nivel visual e de cheiros.

Comentarios