O Entroido de Foz ten revista, vídeo, baile do farolillo nas casas e concurso de máscaras

O grupo Pé do Molete parodiou a vida política municipal cunha edición de 'Al flojo vivo'. A formación dará o pregón en 2022 ante a imposibilidade "de pintar a mona" este ano
Inés López Couto, na exposición de Entroido instalada no Cenima de Foz. CONCELLO
photo_camera Inés López Couto, na exposición de Entroido instalada no Cenima de Foz. CONCELLO

A formación Pé do Molete, que compite no desfile como grupo adulto a pesar de ir sempre cunha carroza alusiva ao disfrace, debería ser este ano a pregoeira do Entroido de Foz, unha honra que se lles reserva para o ano 2022. É que "queremos subir pintar a mona ao escenario como todo o mundo", asevera Pablo Fraga, Puntete, cabeza visible dunha formación que para o ano próximo pregoará o cuadraxésimo aniversario do Entroido de Foz, pois as edicións tamén se pararon no tempo e a deste ano pasará á historia como a 39 e tres cuartos.

O Concello de Foz organiza este ano un Entroido diferente, con revista, vídeo conmemorativo, baile do farolillo nas casas e concurso de customización de máscaras, entre outras actividades.

"Un pobo cunha tradición de tantos anos entroideiros non pode deixar de facer pequenas actividades dentro das posibilidades e co máximo respecto ás medidas anti-covid. Por iso dende a Delegación de Cultura lévase tempo traballando en varias ideas para animar as casas das familias focegas e aqueloutras que queiran unirse á festa virtual", explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto,

Nesta cita atípica aprovéitanse as novas tecnoloxías para recordar esta festa, cuxa primeira cita tivo lugar este venres, a través da canle de Youtube do Concello de Foz, coa emisión de Al flojo vivo, unha parodia do programa presentado por Ferreras (ao que dá vida o mesmo Puntete) e no que se parodia a vida municipal, co alcalde o socialista Fran Cajoto e o portavoz popular Javier Jorge Castiñeira como principais protagonistas. "Non deixamos títere con cabeza", sorrí Fraga.

O público puido ver varios sketches, gravados por eles mesmos con colaboración de xente dos Bonaerensis e Sin Xeito, para o que tiveron que facer un traballo de enxeñería total. "Con isto das restricións non podiamos xuntarnos e fixemos todo entre cinco e ao aire libre, aínda que nos axudaron doutras penas ás que agradecemos a súa colaboración".

 


Desfile ► Un vídeo, á mesma hora, recorda o acto
Ás cinco da tarde deste sábado debería arrincar desde o porto de Foz o desfile. Por iso, á mesma hora, emitirase na canle de Youtube do Concello un vídeo recompilatorio, con imaxes de diferentes anos realizado por Arracada.

83 minutos
É a duración da emisión, da que o desfile leva boa parte, pero haberá espazo absolutamente para todos os actos: cea de coroación, pregón, coplas, touporroutou, baile do farolillo ou festa infantil.

 

EXPRESIÓN. O nome de Pé do Molete, que co tempo acurtouse ata Molete, xorde, como debe ser, dunha das expresións máis típicas que soan nesas noites de festa que quedan xa tan lonxe. "Pensamos en varios e ao final quedou ese ,"conta o capitán dun equipo de 35 membros, todos mozos, que levan desfilando xuntos desde 2008, aínda que o "núcleo duro" leva participando no desfile desde nenos, coa desaparecida formación Takalá.

"Moitos somos amigos do cole, tamén facemos o San Xoán e somos como unha gran familia, que este ano estamos bastante abatidos e menos mal que entre preparar o programa e buscar algún traxe para os comercios sacamos un pouco o mono de Entroido", asevera Fraga, quen recorda que outros anos estaría a lume de biqueira cos preparativos dun desfile, un día no que "xa quedamos para xantar".

O disfrace de cada ano elíxese por maioría e o primeiro co que se embarcaron foi cun coro de gospel, modelos a que seguiron outros como os pouco valorados patos; os personaxes do conto de Pinocho, balea incluída; un videoclip de Gloria Levi, co que se fixeron con ese primeiro premio que nunca ansían porque "o noso é pasalo ben"; A Máscara ou O Chiringuito de Georgie Dann, sen esquecer outros impactantes modelos como Donald Trump e o seu séquito, incluídos manifestantes, co que acudiron á cea de coroación o pasado ano.

"A nosa primeira norma é que non hai vergonza", asevera Pablo Fraga. A súa nai era a que se encargaba de preparar os primeiros disfraces, pero "cando se nos foi das mans apostamos por confiar en Rosana e Pili, que nos dan moitas ideas e ata nos preparan a coreografía", contan os moletes, varios dos cales teñen o costume de pedir a semana previa ao desfile de vacacións, pois "hai xente que esta fóra, pero nunca o perde", relata sobre unha cuadrilla "na que hai de todo: mecánicos, electricistas...".

O Concello regala faroliños para reproducir o baile en casa e organiza un concurso de customización de máscaras

PROGRAMA. Entre as persoas que se uniron para colaborar coa festa atópase Pablo Cid que, desde a súa canle de Facebook, publica ás sete desta tarde a súa peza Unha historia do Entroido de Foz, con imaxes de diferentes anos do desfile.

Unha festa na que ten moita tradición o baile do farolillo do luns e que este ano animan a reproducir en casa, para o que o Concello regala farolillos, que se poden recoller ata o luns no despacho de Cultura. Con eles, anima a subir os vídeos ás redes sociais, co hashtag #farolillofoz

Ademais, elaborouse unha revista do Entroido, que se poden conseguir na Delegación de Cultura do Concello ou nos comercios de Foz, ademais da versión dixital, que está dispoñible na web municipal.

Outro dos eventos organizados é o Concurso de Customización de Mascar-illa. "A máscara é, nestes días, o noso elemento de protección e no Entroido a máscara é un elemento representativo de ocultación e disfrace. Imos unir as dúas definicións e facer algo divertido", apunta López Couto.

O Concello pide que non se usen máscaras cirúrxicas ou hixiénicas, senón que se fagan de tea, papel ou calquera outro elemento. "Se queres saír á rúa co teu deseño pono por enriba dunha de protección", solicita. Hai de prazo ata o día 15 para enviar unha foto ao mail [email protected], incluíndo os datos persoais (nome, idade, teléfono). O martes de Entroido comunicaranse os premiados —infantil e adulto—. 

Tamén está lista a exposición do Entroido no Cenima, que, se as medidas sanitarias o permiten, abrirá as súas portas o día 18 e poderá verse ata o 28 de febreiro.

Comentarios