Fomento iluminará a Ponte dos Santos de Ribadeo tras anos de reclamacións

O alcalde destaca que o novo Goberno parece máis dialogante", mentres que "o PP actuaba con inquina e mala fe"

Ponte dos Santos. AEP
photo_camera Ponte dos Santos. AEP

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, informou de que o Ministerio de Fomento acaba de remitir un escrito ao Concello, en resposta á carta reenviada polo rexedor local o pasado 3 de xullo, para confirmar que o Goberno se fará cargo da iluminación da Ponte dos Santos —da Autovía do Cantábrico (A-8)—, entre Galicia e Asturias. Suárez expresou a súa satisfacción "por unha boa noticia", que establece unha clara diferenza entre un Executivo con "interese por facer as cousas ben" e outro que "o único que pretende é enredar".

O rexedor lembrou á prensa que durante os anos de goberno do Partido Popular, Fomento "ou non contestaba ou contestaba dicindo que non era o seu problema" ás cartas enviadas polo Concello de Ribadeo, a pesar de que se trata dunha actuación "imprescindible para a circulación dos veciños dunha parte a outra da ría". "Non cambiou nada", precisou, "só un Goberno que parece máis dialogante", mentres que "o PP actuaba con inquina e mala fe".

No escrito remitido ao Concello de Ribadeo, Fomento aclara que "se está tramitando o correspondente contrato" para acometer as obras necesarias "canto antes" e "así proceder á iluminación da ponte".

Comentarios