Un focense denuncia unha agresión ocorrida no portal do seu edificio

Foi atacado por dúas mulleres e un home e os tres están en busca e captura pola Garda Civil

A Garda Civil está na procura dos presuntos autores dunha agresión que un veciño da localidade denunciou sufrir, durante o día, no portal do edificio no que reside. Os feitos ocorreron o pasado venres, día 13.

A vítima, da que non transcendeu a idade, así como ningún outro dato identificativo, asegura que o abordaron dúas mulleres e un home no seu portal, a quen parece ser que non coñece.

Tamén lles asegurou aos axentes que descoñece por que o agrediu presuntamente o home que acompañaba ás dúas mulleres. Os tres están en busca e captura por parte da Garda Civil desde que se interpuxo a denuncia.

O agredido acudiu ao centro de saúde da localidade, aínda que o mércores pola mañá, os axentes non dispuñan do parte de lesións sufridas; feridas que tampouco precisaron.

Cando saíu do ambulatorio onde foi asistido, ao redor das nove da noite, o denunciante asegura que volveu atoparse pola rúa de novo cos seus presuntos agresores. Unha delas arrastraba un carriño de bebé e, segundo o agredido, empuxouno violentamente contra as súas pernas, volvéndolle a ocasionar feridas, aínda que nesta última ocasión, optou por non volver ao centro de saúde para curarse.

O xulgado de instrución número 1 de Viveiro instrúe a causa para esclarecer estes feitos denunciados.

Comentarios