Un focense afirma que o atropelaron e os seus veciños aseguran que os acosaba

O home presentouse no cuartel da Garda Civil cunha ferida sanguenta na cabeza e mazaduras no costado

Un focense de 56 anos de idade presentouse no cuartel da Garda Civil focense, ao redor das dúas e media da tarde do pasado sábado, cunha ferida sanguenta na cabeza e mazaduras nun costado do corpo. Afirmaba que sufrira un atropelo por parte duns veciños cos que, ao parecer, mantiña un conflito no lugar de Mañente, na parroquia de Vilaronte.

Os axentes avisaron de inmediato a unha ambulancia para trasladalo ao Hospital da Costa. Atopábase nun estado de nerviosismo considerable. No centro hospitalario, ao parecer, atopáronse con que tamén estaba a ser atendido un dos veciños que fora acusado polo accidentado.

Os axentes procederon a identificar aos implicados no presunto conflito veciñal e os veciños que foron nun principio acusados referiron que levaban dous meses soportando unha situación de acoso por parte do primeiro denunciante.

Xusto ese sábado, a situación alcanzou unhas cotas especialmente violentas xa que, segundo sosteñen os veciños aludidos, o quincuaxenario presentouse na súa casa, blandendo un obxecto contundente, co que golpearía portas e fiestras, ademais de causar desfeitas na súa leira.

Os veciños identificados por esta situación admiten que están moi asustados coa situación.

Por outra banda, as lesións do primeiro denunciante, que asegurou sufrir un atropelo por parte dun dos veciños aludidos, revestían escasa consideración, é dicir, eran de carácter moi leve, segundo se desprende do informe elaborado polos axentes.

Finalmente, ao parecer o denunciante quedou ingresado no hospital lucense, polo menos esa era a última información respecto do presente suceso que chegou a este xornal, no que incumbe a este presunto conflito veciñal.