"Fíxonos moita ilusión cantar 'Xuntos' con Pili Pampín e foi como tocar teito en Galicia"

A Familia Caamagno serán os encargados de amenizar este domingo a sesión vermú da Feira da Bonito, para a que proporán moito baile, diversión e elegancia
Manuele, no centro, é a voz da Familia Caamagno, unha banda que naceu no 2011 e que está integrada por cinco amigos de Sigüeiro. EP
photo_camera Manuele, no centro, é a voz da Familia Caamagno, unha banda que naceu no 2011 e que está integrada por cinco amigos de Sigüeiro. EP

A Familia Caamagno serán os encargados de amenizar este domingo a sesión vermú da Feira do Bonito a partir da unha e media da tarde no porto burelés. Esta banda de cinco amigos de Sigüeiro amantes da música naceu no ano 2011 e, logo de tres epés e o seu primeiro elepé, lanzado no 2019 co nome de Había que intentalo, agora están traballando no seu segundo longo, que verá a luz a finais de outubro e que xa pegou un pelotazo coa estrea de Xuntos, a versión do popular do tema de Juan Pardo. Manuele Caamagno, álter ego de Manuel Tarrío, é o que lle pon voz a un grupo que comezou apostando polo garaxe sesenteiro, pero que está en continua transformación. Completan a banda Toni, Lano, Francesco e Jess.

En que estilo se pode clasificar á Familia Caamagno actual?

Vai cambiando cos discos, pero agora mesmo digamos que o que facemos é pop enerxético con cancións bailables, divertidas e reflexivas á vez.

Pero sexa o estilo que sexa, sobre todo destacan por ser un grupo moi elegante sobre o escenario?

Está mal que o diga eu, pero sobre todo gústanos ir elegantes e ter directos moi divertidos e de moito baile. Sobre todo iso, que sexan divertidos e que a xente o pase ben.

Como vai a edición do novo traballo discográfico e cantos temas vai ter? 
Quitamos xa tres sinxelos (Xuntos, Samurai e Romper Espagna) dos oito que vai ter o disco e presentarémolo a finais de outubro co título de O mundo está derrotado.

O título parece do máis acaído coa que parece que se vén enriba?
(Ri). Si, creo que o disco vai saír co timing perfecto.

Xuntos foi un auténtico bombazo, tanto pola versión como polo videoclip?
Si, a verdade é que correu como a pólvora polas redes sociais. Xuntáronse moitos factores para que pegase tan forte. Por un lado é unha versión dun tema de Juan Pardo que soou tanto nos anos 90 e que dalgún xeito se converteu en himno oficioso das campañas de Fraga. Nós démonos conta de que tiña unha letra moi vaga de significado e que podía valer para calquera cousa, así que xunto ao equipo da Unión Soviética Futsal, que son veciños nosos e é un proxecto deportivo-humorístico decidimos darlle unha volta e o xeito ideal de contextualizala foi facer un videoclip con estética soviética. Fixémolo adrede, querendo facer o himno da república socialista de Sigüeiro. E contamos coa participación estelar de Alejandro Cao de Benós (representante de Corea do Norte nas relacións con Occidente). Os do equipo de fútbol sala xa o trouxeran outra vez, déronnos o seu contacto, contámoslle o que queríamos facer, fíxolle moita graza e dixo que participaba sen problema e desinteresadamente. Todos eses factores confluiron e o vídeo tivo e ten moitos visionados e nós estamos moi orgullosos do resultado. Gústanos moito todo o que sexa tratar as cousas desde un punto de vista cómico e retranqueiro.

Gústanos moito tratar as cousas desde un punto de vista cómico e retranqueiro

Que tal é Cao de Benós nas distancias curtas?

Hai que dicir que foi unha persoa moi amable, sempre foi unha colaboración desinteresada e o tipo foi moi profesional. Chegou, gravou a súa parte, marchou e logo compartiu todo nas súas redes sociais. Xa digo, foi moi amable e simpático connosco. Non cobrou un peso e, de feito, en ningún momento se falou de cartos.

E logo chegou o gran momento. Tocar esa versión de Xuntos nunha gala para a TVG do 25 xullo e acompañados por Pili Pampín, é tocar teito en Galicia?

Si, a nós fíxonos moitísima ilusión. Chamounos directamente a TVG para dicirnos que lles gustaría que participásemos na gala e propuxéronnos cantar con ela, o que nos pareceu unha auténtica fantasía. Pedimos ex profeso se podía haber corpo de baile por detrás para ter a experiencia completa. Foi moi guai. Falamos co noso produtor, Carlos Hernández, e pareceulle unha idea soberbia. El foi o que mesturou as voces. Para nós é un orgullo esa actuación e, como dis, foi tocar teito.

Xuntos vai formar parte dun recopilatorio de cancións populares galegas?

Si. A nós chamounos a marca Deleite para propoñernos participar nun recopilatorio que están facendo con versións de temas famosos interpretados por bandas galegas contemporáneas e aí foi cando nós propuxemos facer Xuntos.

E o terceiro sinxelo do novo disco, Romper Espagna, tamén viu a luz hai un mes con boas crítcas.

Si, é o último videoclip e nel tamén fixemos unha chiscadela humorística. Tivemos a idea de facelo rollo programa americano de subastas e logo, falando cunha das persoas que chamamos para facer de presentador, descubrimos que na TVG tamén houbera un do mesmo estilo. A idea era pasar nós pola mercadoría que se subastaba. 

E este domingo toca a Feira do Bonito. Son de interior, pero na costa tamén se atopan a gusto?

Si, moi a gusto e a min flípame o bonito, así que estamos encantados. Cando imos a zonas costeiras, tocamos e intentamos facer sempre algo de turismo, ir á praia ou coñecer os sitios.

Nas súas redes sociais falaban de  churrasco de bonito, pero ao mellor o que teñen que probar é o raxo de bonito.

Home, ese hai que probalo. Dicíamos o do churrasco por facelo á grella e por marcar o rollo de que nós somos de interior. 

Somos de interior, pero gústanos moito a costa e a min flípame o bonito, así que quero probar ese raxo que fan con el

Canto durará a sesión vermú?

Supoño que faremos unha sesión vermú de libro, dunha hora e cuarto ou hora e media. Non sei exactamente a duración porque tamén varía un pouco en función de como vexamos ao público. Se é caralleiro, participativo e está receptivo, estenderase un pouco máis porque tamén acabo falando máis e xogando máis con eles. Gústanos interactuar moito co público. 

E dentro dunha semana, o domingo 14, voltarán a Foz ao festival Vrao. Non pensaron en quedar pola Mariña esta semana?

A verdade é que cadrou así e valoramos quedar, pero hai que chollar pola semana e temos concerto polo medio o xoves no Noroeste da Coruña. O que si é probable é que algúns quedemos logo de actuar en Foz uns días pola Mariña. Temos moitas ganas de tocar aí.

Non será a súa primeira vez na comarca?

Non, xa tocamos dúas veces. Estivéramos en decembro do 2013 no Centro Social Xebra e no 2016 no Osa do Mar, onde é sempre unha marabilla ir porque nos tratan xenial. Curiosamente tocáramos a edición na que estivera C. Tangana, cando aínda non era tan coñecido. Fixera a proba de son antes ca nós e era un tipo máis, comendo un bocadillo de xamón e falando con todo o mundo. Un tipo moi cercano. E no Osa dá gusto porque están ao tanto das bandas emerxentes, fano moi ben e xa levaron a xente que logo acabou triunfando ao grande.

E tamén teñen vinculación coa Mariña a través do xovense Xaime Miranda, que xa dirixiu varios dos seus videoclips.

Si, de feito os tres videoclips que saíron xa deste disco son del e tamén dirixira o de Castromil e Canción moderna de Occidente do anterior. Xaime é unha máquina, un tipo superintelixente que saca ouro incluso de situacións nas que vas máis collido de tempo. É un tipo con moitísimo talento que vai chegar alto.

Aínda non os trouxo gravar pola Mariña?

A nós aínda non. No último videoclip de Romper Espagna houbo un momento no que estivemos a punto, pero ao final fixémolo en Rianxo porque non podíamos ir ata A Mariña por horarios. Aínda non fomos, pero iremos seguro. O que si saíron foron planos de lugares moi recoñecibles da Mariña na Canción moderna de Occidente.

Desconcierto Cultural na Illa, festival Rexenera en Carballo, Surfing the Lérez en Pontevedra, Festigal, Noroeste na Coruña, as dúas actuacións na Mariña,... Está sendo un bo verán para a Familia Caamagno?

Si, está sendo un verán moi bo e estamos moi contentos nese sentido. Estamos lanzando sinxelos do novo álbum e a xente xa ve por onde van os tiros. De feito estamos metendo avances do disco nos concertos. Está sendo un verán moi intenso e moi guai para nós.

Comentarios