Fina Geada agrava a crise do PSOE no Valadouro ao non apoiar soldos do BNG

"Non é tan grave, pódese gobernar sen cobrar", di a edil, crítica co seu partido por ceder ante os nacionalistas
Fina Geada, con el cartel de los actos de verano. AEP
photo_camera Fina Geada, na presentación dos actos de verán. AEP

A concelleira socialista do Valadouro Fina Geada sorprendeu este xoves a propios e estraños ao votar en contra das dedicacións parciais para o BNG —dous de 8.000 euros— ás que se sumaría unha de 20.000 para o alcalde, o socialista Edmundo Maseda, tras a remodelación do goberno local, do que pasarían a forma parte os dous edís nacionalistas tras o acordo de goberno subscrito o pasado agosto. Un acordo que rubricou a propia Geada, pero cre que foi "algo precipitado e igual tiñamos que pensalo máis", pero o apoiou, asegura, para poder aprobar uns orzamentos "que realmente son moi necesarios, pois levamos coas contas prorrogadas desde 2017 e non se pode facer nada", recalca.

Un pacto no que a Geada desposuíalla das concellarías que levaba ata agora, entre elas a de cultura, para asumir unha de menor entidade, como é a de participación cidadá e adxunta á alcaldía, "un nome moi rechamante, pero carente por completo de contido e sen nada de xestión, que é o que me gusta a min e é o que levo facendo todos estes anos", di.

"En cultura levo traballado como unha burra, preparando actividades todo o verán onde eu mesma tiven que estar a montar, desmontando e limpando as cadeiras para todos os eventos e queda pechado o programa das festas da semana próxima", aclara.

Geada non esconde a falta de comunicación no partido no municipio. "O alcalde non fala con ninguén", nin sequera nestes días previos ao pleno "dirixiuse a min para dicirme nada", confesa, e iso que as cousas xa estaban quentes tras a dimisión hai uns días doutra edil, María Mon Geada, que é ademais a filla de Fina "e que sabían que as cousas non estaban ben". Por iso, lamenta que o alcalde cedese ás presións do BNG "para deixarme fóra".

"Está claro que eles non me poden ver, porque me culpan da ruptura do anterior pacto, pero o meu partido enganoume tamén a min. Queren que sexa un florero e eu non o permito", asevera, para xustificar por que rexeita a nova dedicación que lle propuñan.

Un punto no que quedou aprobado que o BNG levaría as concellarías de obras de máis de 9.000 euros e deportes, que asume o edil Eliseo Teijeiro, e as de cultura, normalización lingüística e medio rural, das que se encargará o portavoz, Eduardo Chao. Unhas delegacións que deberán asumir sen soldos, pois foi no punto das dedicacións exclusivas cando Geada votou en contra, xunto ao PP e Udival.

"Non é tan grave o que fixen, pois se pode gobernar sen cobrar, como o viñemos facendo nestes dous anos e medio que van de mandato", afirma a edil, quen considera que "agora que o BNG ten as concellarías que reclamaba verase se estaban por traballar polo pobo ou só interesáballes o diñeiro", sinalou a concelleira socialista, quen manifestou que fará público un comunicado para explicar pormenorizadamente a súa postura.

Un xiro de guion que sorprendeu a todos. "Estaba nerviosa polo que me poderían dicir, pero ninguén contestou", recorda. As únicas palabras que cruzou co alcalde tras o pleno foron un "non contaba eu con iso", di Geada que lle espetou Maseda, "pero eu tampouco contaba co meu", recalca.

Non descarta que sexa sancionada
Fina Geada insiste: "Fixen o que creo que debería facer", e sabe con iso que podería enfrontarse a algunha sanción por parte do partido en cuxa lista se presentou. Di que é pronto para falar do seu futuro inmediato, pero parece pouco probable que deixe a acta de concelleira, como si fixo María Mon, que foi substituída por Pilar Vázquez.

Para o BNG foi "unha sorpresa" o acontecido, do mesmo xeito que a marcha de Mon. "Nunca pedimos a súa dimisión", sinalou Eduardo Chao.

Comentarios