Ferido un traballador en Ourol ao caerlle enriba un eucalipto durante unha tala

Unha persoa resultou ferida na mañá deste martes nun accidente ocorrido na parroquia ourolense de Bravos cando un traballador do sector forestal sufriu danos nunha perna ao caerlle enriba parte dun eucalipto nunha tala que estaban a realizar no monte.

O accidente tivo lugar nunha das zonas máis altas da parroquia, coñecida como Coutado, polo que foron os seus propios compañeiros os que trasladaron ao ferido ata a estrada que une Magazos co Sisto, co fin de facilitar o acceso da ambulancia e dado que o accidentado non aparentaba revestir lesións de gravidade. Nese punto foi recollido, sobre as dez menos dez da mañá, por unha ambulancia de soporte vital básico do 061 acompañando ao ferido persoal de atención primaria do centro de saúde de Ourol.

O traballador, con iniciais I.D., de 39 anos de idade e de nacionalidade romanesa, foi evacuado ao Hospital Público da Mariña, situado en Burela, para ser examinado, aínda que o seu estado non reviste gravidade.