Unha persoa resultou ferida na tarde deste xoves ao saírse da vía a furgoneta que conducía pola Autovía do Cantábrico (A-8) á altura do quilómetro 533, ao seu paso polo municipio de Lourenzá, en sentido Foz.
Usuarios da autovía alertaron ao 112 en Galicia de que a persoa lesionada estaba fóra do vehículo, que envorcara. O accidente produciuse cara ás catro e vinte da tarde e os servizos sanitarios de Urxencias Médicas do 061 atenderon ao ferido no punto do sinistro.
A central de urxencias galega tamén comunicou o accidente de circulación á Garda Civil de Tráfico do Subsector de Lugo, aos bombeiros de Barreiros e ao GES da Pontenova, así como aos servizos de mantemento da estrada.