Ferido grave un home arroiado polo seu tractor coa fresadora en Barreiros

O propio lesionado contactou co 112 para pedir axuda  Foi trasladado en ambulancia ao hospital

Un veciño de San Xusto de Cabarcos en Barreiros, de 41 anos de idade, resultou este venres ferido moi grave ao ser arroiado polo seu tractor coa fresadora en marcha. O accidente produciuse no lugar do Morteiro cando o home baixou do vehículo agrícola para retirar algo que viu diante do mesmo e regresar de inmediato, pero a máquina seguiu o seu camiño e pasoulle por enriba. 

O sinistro saldouse con feridas de gran consideración nunha perna, que resultou moi danada pola fresadora, e nunha man. Tal era a súa gravidade que desde o servizo de Urxencias Médicas 061, que desprazou unha ambulancia medicalizada para o traslado, solicitouse a escolta de patrullas da Garda Civil de Tráfico para evacualo ata o Hospital de Lugo (Hula). 

Os Bombeiros de Barreiros e Protección Civil tamén colaboraron para desprazar o ferido, que alertou el mesmo ao 112, indicando que se atopaba só e lesionado. Estes efectivos axudaron a inmobilizalo e trasladalo en padiola desde o prado onde se atopaba, afastado da estrada, ata a ambulancia para evacualo canto antes.