Ferida leve tras perder o control do seu vehículo en Viveiro e chocar contra tres coches

O suceso ocorreu este domingo pola mañá

Unha veciña de Viveiro de 40 anos de idade, Z.C.C,, perdeu este domingo o control do seu vehículo cando circulaba á altura da Xunqueira, na cidade do Landro, impactando contra tres coches que estaban estacionados nesa mesma zona.

O suceso, ocorrido ao redor das dez menos cuarto da mañá, xerou cuantiosos danos materiais e feridas de carácter leve á propia condutora, quen no momento en que foi atendida pola Policía Local presentaba un corte no beizo. Foi trasladada ata o Punto de Atención Continuada de Viveiro e, posteriormente, ata o Hospital da Costa de Burela.

O contratempo tivo lugar nunha zona de pubs cando o vehículo da afectada, un Mini Cabrio, circulaba cara á saída da cidade. Por causas que aínda se descoñecen a condutora virou o volante e chocou con gran forza contra os vehículos que estaban estacionados á súa dereita.

Unha vez levantado o ateigado do sucedido e á espera das correspondentes probas de alcoholemia, o caso pasará ao xulgado número 1 de Viveiro.

Comentarios