Melva Lage Castro: "A felicidade permanente non é real"

O coidado da saúde mental cobra cada vez máis importancia na sociedade. Este mércores, ás oito da tarde na casa da cultura de Foz, a psicóloga do Hospital Público da Mariña Melva Lage, falará dalgúns dos hábitos para mantela en boa forma
Melva Lage. EP
photo_camera Melva Lage. EP

Unha boa alimentación, exercicio físico, tempo de ocio de calidade ou fixar obxectivos realistas son algúns dos hábitos para manter unha boa saúde mental, segundo a psicóloga Melva Lage Castro. 

Cales son os trastornos mentais máis habituais?
O que máis se ve en consulta son os trastornos de ansiedade, problemas depresivos e do estado do ánimo e trastornos adaptativos. 

Visibilizáronse máis os problemas de saúde mental coa pandemia?
A pandemia conlevou primeiro un confinamento e despois tamén houbo unha disminución do contacto social e isto conlevou cambios nos hábitos de vida. Toda esta situación fixo que dalgún xeito repuntaran a ansiedade e os síntomas depresivos na poboación a nivel xeral e, especialmente, foron os adolescentes os que se viron especialmente afectados porque neles as interaccións sociais son  moi importantes. E si, é verdade que seguramente coa pandemia se visibilizou un pouquiño máis todo este tema da saúde mental.

Que é a depresión?
É importante non confundila coa tristeza porque é un trastorno mental que xa implica outra gravidade que non ten só que ver con estar triste. Afecta dun xeito máis global á persoa e non só ao seu estado de ánimo senón tamén á motivación á hora de facer cousas e hai alteracións fisiolóxicas do sono e do apetito. Pódese estar triste sen estar deprimido. 

A tristeza é un estado de ánimo tamén necesario. 
Si. Pretender esrtar sempre nun estado de felicidade constante non sería algo realista. Hai momentos en que é normal que haxa unha reacción no estado de ánimo a consecuencia de sucesos que pasan no día a día e iso é normal. A felicidade como estado permanente sería algo idealizado; está nos pequenos momentos da vida. 

É importante non confundir a depresión coa tristeza, porque é un trastorno máis grave

Cales son os sinais de alerta que poden alertar dunha depresión?
Cando vemos que hai unha afectación no estado de ánimo non moi profunda que persiste no tempo, normalmente que dura varias semanas e que non se resolve. Tamén que hai unha afectación no descanso, no sono e no apetito, que acostuma a conlevar pérdida de peso. Ademais preséntase unha incapacidade por parte da persoa para asumir as funcións que normalmente asumía e, algo moi importante, que é o que nos lle chamamos anhedonia, é dicir, a incapacidade para desfrutar con cousas coas que antes si se facía. 

Unha persoa que sofre depresión dase conta ou é o seu entorno?
Moitas veces parte do entorno, que percibe que se produce un cambio importante no que era o día a día desa persoa. A persoa hai veces que se dá conta de que está sufrindo, pero moitas veces é o entorno o que alerta. 

Segue costando acudir á consulta dun psicólogo?
Teño a sensación de que cada vez un pouquiño menos. Parece que cada vez se vai normalizando un pouco máis e tamén é certo que a raíz da pandemia se está falando máis de saúde mental e se está tomando conciencia de que pode haber algún tivo de afectación neste sentido e a xente parece que cada vez é menos reacia a pedir axuda, pero tamén é certo que quedan pasos por dar. 

Debería converterse nun hábito acudir ao psicólogo?
Sería positivo. Habería que diferencialo porque ofertar o acudir a terapia como unha maneira de mellorar algúns aspectos da vida dende a Seguridade Social resulta un pouco complicado, xa que agora mesmo o enfoque está centrado en cando xa hai un problema, pero si que sería un bo enfoque. Moitas persoas acuden a terapia para mellorar en distintos aspectos. 

Cales serían as pautas básicas que debería seguir unha persoa sa para manter a saúde mental?
A alimentación e a actividade fisica é importante para a saúde física, pero agora sabemos e cada vez son máis as evidencias que nos din que tamén son esenciais para unha boa saúde mental. Moi importante tamén é manter a mente ocupada, desfrutar de tempo de ocio e de actividades que resulten gratificantes porque axudan a xenerar sensación de benestar e establecer interaccións sociais. Ademais hai que ter unhas pautas de hixiene do sono que nos permitan descansar correctamente e establecer metas e obxectivos que sexan realistas. Neste senso tamén é importante valorar o que vamos conseguindo e non fixarnos só naquilo que nos quedou por facer e ir programando pequeniñas metas para chegar ao obxectivo máis importante. 

Comentarios