Feijóo, sobre intervir Alcoa: "Non se pode descartar nada"

O presidente da Deputación empraza a compañía a devolver "o diñeiro que recibiu" en axudas públicas
Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abriuse este martes a unha eventual intervención pública de Alcoa para garantir o emprego na fábrica de San Cibrao nun momento no que non se pode descartar nada".

"No caso de que Alcoa prosiga nunha decisión inxusta e malintencionada non se pode descartar nada", dixo o popular en declaracións á prensa despois de que a compañía comunicase formalmente a súa negativa á venda da fábrica a Liberty House e á Sociedade Española de Participacións Industriais (Sepi).

"A situación é moi complexa pero non podemos dar nada por perdido", defendeu o presidente galego, quen reiterou que o peche da fábrica suporía un problema para Galicia pero tamén para España pois "quedariamos sen a única industria de aluminio primario" no Estado.

Ante esta situación, avogou por un traballo conxunto entre o Goberno central e o Executivo galego para manter o emprego agora que "por fin o Goberno central tomou en serio Alcoa".

"Levamos desde hai un ano dicindo que Alcoa ía ser un problema, non só para Galicia, senón para España" e, agora "por fin" o Goberno central está "a intentar e traballando con rigor e en coordinación coa Xunta de Galicia para que se produza esa venda", dixo Feijóo.

Neste sentido, chamou a manter os esforzos conxuntos entre ambas as administracións porque ningunha institución pode permitir a situación actual. "O que non pode ser é que Alcoa marche de España deixando centos de postos de traballo na rúa cando poden seguir sendo produtivos se se chega a un acordo", sostivo.

Subliñou que se Alcoa "quere utilizar de forma fraudulenta a súa posición para impedir unha venda a outra compañía" en base a intereses "espúreos" para non ter ningún competidor no país "nin o Goberno central nin a Xunta podemos aceptar unha decisión inxusta", esgrimiu.

De feito, o presidente galego apuntou que é necesario que a autoridade laboral acredite que "Alcoa está a actuar de mala fe", xa que a posición da multinacional estadounidense é, ao seu xuízo, "absolutamente inxustificable".

"Espero e desexo que Alcoa non caia no erro dun peche fraudulento dunha compañía que ten un comprador", xa que, "o lóxico é facilitar a venda", dixo o presidente galego. 

O BNG urxe ao Goberno e á Xunta a intervir Alcoa 

Este mesmo martes, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a actitude "tépeda" e "sen iniciativa" que cre que manteñen a Xunta e o Goberno central ante a situación de Alcoa e volveu a avogar por intervir e nacionalizar a planta de San Cibrao para "salvar os postos de traballo e toda unha comarca", a da Mariña. 

A preguntas dos medios tras participar nun acto en Tomiño, a líder da formación frontista preguntouse "a que esperan" o Executivo central e o Goberno galego para, entre ambos, realizar unha intervención "para nacionalizar a factoría" e "garantir a produción". 

Pontón acusou á multinacional estadounidense de actuar "de mala fe, con prepotencia e (...) con chulería e desprezo pola Mariña e por Galicia". "E ante esa actitude non vale xa que Xunta e Estado sigan instalados en meras declaracións, nesa actitude tépeda, indecisa e sen iniciativa", afirmou. 

Tomé empraza a Alcoa a devolver "o diñeiro que recibiu" en axudas públicas
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, emprazou á dirección de Alcoa a que devolva "o diñeiro que recibiu" en formas de axudas públicas dado que "non cumpriu", ao situar ás portas dun posible peche a factoría de San Cibrao. 

Antes do pleno provincial deste martes, Tomé destacou que "a Deputación deu as liñas polas que se debía de traballar desde o primeiro momento que era, xustamente, mirar cara a Alcoa e non mirar para outros sitios como pedían algúns". "E agora resulta que tiñamos razón e a quen había que esixirlle era a Alcoa porque non cumprira os seus compromisos, nin de emprego, nin de manter as instalacións a pesar de recibir moitos fondos públicos", reprochou. 

"Se se empeñan en irse (por Alcoa) que se vaian, pero o que non pode ser é pechar e que lle salga gratis. Polo tanto, terá que devolver o diñeiro que recibiu dado que non cumpriu", subliñou. 

Comentarios