Feijóo celebra a aprobación do novo PXOM de Foz, que contribuirá ao crecemento de servizos

Con este novo plan de ordenación, blíndaseo crecemento urbanístico controlado e fíxase unha capacidade residencial de 4.841 vivendas, segundo destacou a Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou este martes a aprobación do novo PXOM de Foz, que contribuirá a impulsar o crecemento racional e sostible dos servizos da Mariña lucense. Deste xeito, durante o acto de firma, Feijóo aseverou que coa aprobación desta nova normativa urbanística, o concello dispón xa das pautas sobre as que se escribirá o seu futuro. 

Con este novo plan de ordenación, se blinda o crecemento urbanístico controlado e fíxase unha capacidade residencial de 4.841 vivendas, segundo destacou a Xunta. 

O novo PXOM, tal e como explicou o Goberno galego, establece un modelo de ordenación baseado en varios eixos: no pobo como núcleo urbano principal, ao que se lle incorporou o núcleo de Marzán, de orixe rural, pero incluído na trama urbana; nos núcleos de Cangas, Fazouro, Nois, Forxán e Vilaronte, que se establecen como secundarios; e nos núcleos tradicionais de base rural, onde o plan busca garantir a súa supervivencia e favorecer as políticas de rehabilitación, mellora de espazos públicos e desenvolvemento sostible e armónico. 

Aos anteriores obxectivos únese o sistema de comunicacións ferroviarias e por estrada, así como o destaque do porto como elemento importante da actividade pesqueira e náutico-recreativa, ademais do parque empresarial de Fazouro, ao que o PXOM amplía a extensión.

Feijóo concluíu o acto agradecendo ao Goberno local e á Corporación Municipal de Foz a responsabilidade demostrada para sacar adiante esta nova ordenación urbana dun modo consensuado; e garantiu o compromiso da Xunta cunha política útil que faga unha Galicia mellor a longo prazo, cunha ordenación territorial que permita avanzar cara a un territorio máis armónico. 

"Co PXOM de Foz damos un paso máis e seguimos avanzando na mellora da ordenación do territorio galego", resaltou, ao que engadiu que os seguintes fitos nesta folla de ruta serán: a redacción dos primeiros plans básicos municipais e a aprobación da lei de ordenación do territorio, que mellorará e adaptará ás necesidades do século XXI a normativa que teñen que seguir todas as actuacións territoriais a nivel supramunicipal. 

Comentarios