Tres familias de refuxiados ucraínos quedarán a vivir en Burela

 Trátase de tres nais con cinco menores. As tres xogadoras de fútbol sala e a nai dunha delas que completaban o grupo que chegou á localidade a semana pasada desprazaranse a Villaviciosa, onde xogarán no Rodiles

ucrania
photo_camera Las familias ucranianas. EP

Tres familias integradas por oito membros, tres nais e cinco menores, de refuxiados procedentes de distintos puntos de Ucraína quedarán a vivir en Burela mentres a situación no seu país non lles permita regresar. Trátase de parte das doce persoas que chegaron á localidade a semana pasada e que foron acollidas de xeito temporal nun hotel mentres se tramitaba a súa estancia. As outras catro persoas que acompañaban a estas familias son tres xogadoras de fútbol sala, que abandonarán a localidade para xogar no Rodiles, equipo da localidade asturiana de Villaviciosa, e a nai dunha delas.  

Estas tres familias xa contan coa documentación correspondente e a protección temporal e estánselles tramitando os cartóns sanitarios. Ademais xa contan coa cartón moedeiro que lles permitirá cubrir as súas necesidades. Está previsto que á próxima semana póidanse trasladar aos pisos de aluguer nos que residirán durante a súa estancia na localidade.

Tamén este mércores visitaron os centros educativos burelenses para escolarizarse. O menor que acudirá a primaria farao ao colexio Vista Alegre e os catro adolescentes do grupo visitaron os institutos Monte Castelo e O Perdouro para coñecer a súa oferta educativa e elixir a opción que mellor se adapte ás súas necesidades. As nais xa mostraron a súa disposición de buscar traballo para o que foron informadas dos programas de emprego dos que dispoñen. 

Na atención a estes refuxiados participaron a Cruz Vermella, os servizos sociais de Burela e un grupo de voluntarios. Nun primeiro momento habilitouse unha conta bancaria, que estará activa algúns días máis, para atender as súas primeiras necesidades pero unha vez que xa contan con toda a documentación pódense acoller a distintas liñas de axuda, como o cartón moedeiro coa que xa contan. 

Neste sentido o alcalde burelense, Alfredo Llano, precisou que "os protocolos para o acollemento destas familias funcionaron ben e reseolveuse a situación en pouco tempo". 

Comentarios