Jesús Novo, alcalde do Vicedo: "Falta xente para a axuda no fogar"

O Encontro de Avós e Netos do Vicedo xunta máis de 250 persoas este sábado e o Concello sacará a concurso a xestión do centro de día
Jesús Novo. JOSE M ALVEZ
photo_camera Jesús Novo. JOSE M ÁLVEZ

O vixésimo oitavo Encontro de Avós e Netos do Vicedo xuntará este sábado no pavillón a 242 maiores, —89 homes e 90 mulleres— e 50 netos. Cada participante recibe un agasallo, un foulard elas, un chaveiro co escudo municipal eles e para os menores hainos distintos segundo a súa idade. Ademais sortean cestas e produtos doados por empresas locais e provedores que tocan ao 50% dos asistentes. A festa arrincará con comida, entrega de agasallos, sesión vermú e xogos hinchables para os mozos. Polbería Mario de Viveiro servirá polbo e codillo con tarta de Santiago e bebidas. O trío JM de Ortigueira animará a xornada.

Ten boa aceptación a festa?

Hai xente que chega ás doce e media para coller sitio. Nós abrimos as portas á unha da tarde. Tamén pensan nos máis novos... Dende hai uns anos traemos colchonetas e uns pintacaras para os nenos, porque son moitas horas e senón abúrrense, dese xeito están entretidos e divírtense.

Que servizos presta o Concello aos maiores?

A maioría da xente é maior. Nós colaboramos coas actividades culturais e de lecer de todas as asociacións. Na zona rural o que máis piden é ter unha estrada en condicións e bo alumeado.

Como van coa axuda no fogar?

Imos sacar o prego porque caducou o contrato. O prezo da hora subiu máis do dobre, ata agora pagamos a 12,50 euros máis IVE, pero a empresa está perdendo cartos porque todo subiu e repercute. Tamén convocamos prazas para traballadoras, no concello hai moitas formadas polos obradoiros, pero cando pedimos xente quedan desertas porque non queren vir, penso que é algo xeneralizado. É un tema preocupante, non atopamos persoal para traballar, iso que pagamos o estipulado para o seu grupo por lei e os desprazamentos a 0,19 euros por quilómetro, pero por esa cantidade hoxe non é rendible ir a ningún lado. Levan uns anos cobrando, antes non se lles pagaba nada polo desprazamento. Non sei como imos amañalo.

"Na zona rural o que máis nos piden é ter unha estrada en condicións e bo alumeado"

Hai moitos usuarios?

Cada vez hai unha lista de espera máis longa, En axuda no fogar temos 69 familias. Ademais temos unha empresa para atender a dependencia as fins de semana e os festivos, que bota unha man.

Cando prevé que empece a funcionar o centro de día?

Levamos un tempo redactando o prego para abrir o centro de día, xa temos a autorización da Xunta, que era fundamental, e penso que as bases terémolas listas entre mediados de xaneiro ou finais. Dáme a impresión de que a xente vai ser un pouco reacia a usalo, pero esperemos que pouco a pouco vaian. Está equipado e ten cociña, na que só faltan os utensilios. Ten 24 prazas e levarao unha empresa co que paguen a Xunta e os maiores.

Farán melloras de accesibilidade?

O centro é accesible, pero na zona urbana investiremos uns 48.000 euros para facilitar a mobilidade.

Comentarios