sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

DEMETRIO SALGUEIRO

"A fábrica é estratéxica para Alcoa e con outro prezo reformularía o Ere"

O alcalde de Xove ten claro que a solución para Aluminio é un prezo eléctrico duns 35 euros/megavatioe ve "irresponsable" a xestión do Goberno 

"Algúns políticos compórtanse de forma irresponsable pero parece que non fagan nada; despois vai haber lamentacións se se consuma o peche de Aluminio", avisa o rexedor xovense, Demetrio Salgueiro, preocupado coma nunca co que está a suceder. Ten claro que é un problema do Goberno, que debe solucionar con compensacións enerxéticas como se fai noutros sitios e antes fixeron gobernos de Felipe González, Aznar, Zapatero ou Rajoy, para que a produción do metal siga sendo competitiva. Pasaron de 90 millóns de euros a só 20 na actualidade.

Moita xente di que a decisión de Alcoa está tomada e non depende xa do prezo eléctrico.

A empresa cansou de promesas estériles pero, se cambian as circunstancias, verá as alternativas. Pídese solucionar o problema da enerxía, a fábrica é estratéxica para Alcoa e con outro prezo podería incluso reformular esa medida que ten enriba da mesa. Entendo que o consello de administración dunha multinacional non é unha oenegué, toman decisións logo de dous anos de perdas.

Pero xa pechou ou está pechando en máis sitios do mundo.

O baixo prezo do aluminio, pese á competencia china, é temporal. Pero o problema enerxético vén de sempre, xa se debatiu no Congreso en 1998 e xa se fixo a tarifa G4 para privatizala e logo co sistema de interrumpibilidade que pediu Alcoa. Certo que está reestruturando a produción en certas zonas pero esta era a 3ª máis produtiva e incluso se chegou a falar dunha terceira liña de electrolise se había prezo. Aparte, ten un porto de uso exclusivo, con moita potencialidade, e coa Alúmina ao lado, cun prezo de 35 euros/MW o escenario cambiaría totalmente e se replantearía a decisión. Sábeo o comité e creo que tamén o Goberno.

Ten esperanzas coa reunión de hoxe a varias bandas?

Se non abaratamos de forma inminente o prezo eléctrico, seguiremos nas mesmas. Espero que se poña algo en claro pero seguimos nas mesmas. Din que aproban o das PPA para os contratos renovables pero iso non soluciona o urxente, non coñecemos o estatuto, nin se aceptaron as alegacións. O secretario de Industria dixo unha cousa hai días; a ministra agora fala de finais do verán pero, de que verán? Hai que ter a vontade de solucionalo. Se a empresa non ve algo claro, seguirá a folla de ruta pois leva avisando dous anos de que con estes prezos non pode seguir producindo.

Pensa que se irá?

De forma irresponsable, o Goberno culpa á empresa pero eu non vin que dixese que se quere ir. Non o dixo. E penso que se está distorsionando o tema de forma intencionada como para distribuír a culpa e dar a batalla por perdida. Pero non podemos ir buscando culpables ou repartir culpas do peche. Hai que centrar o problema, que está en Madrid. Se queremos industria no país, considerada esencial hai ben pouco, hai que poñer os mecanismos para que non peche. Mentres estivo o Goberno do PP, funcionou. Solicitóuselle colaboración á Xunta e Feijóo ofreceuna para un plan industrial con fondos europeos a empresas esenciais, e un préstamo participativo para modernizar a planta. Os representantes socialistas na comarca teñen que presionar na Deputación e no Goberno.

Pero pídese unidade política.

Co PP a fábrica non ía caer. Son outros os que están á fronte de institucións clave pero parece máis fácil estar sentados nos sillóns e ir ás manifestacións. O BNG condicionou o apoio a Pedro Sánchez para presidente do Goberno a unha solución para Alcoa; onde ten Ana Pontón ese acordo asinado? Se estivese o PP gobernando en Madrid e pasase isto, non poderiamos saír á rúa, teño ido a manifestacións en 2012 e caerme os petardos ao lado e ver as fotos dos alcaldes populares sinalados nos pasquíns. Pero agora non pasa nada, a outros non se lles esixe a mesma responsabilidade.

Todo isto vén de vello...

Non vale tampouco iso do que puido ser e non foi, do que pasou hai 10 ou 20 anos. Temos que centrarnos no de hoxe: que o Goberno solucione o problema enerxético.

"A fábrica é estratéxica para Alcoa e con outro prezo reformularía...
comentarios