jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

"É evidente que a pandemia vai deixar moitas secuelas mentais"

Alicia Lage.AMA
Alicia Lage.AMA
A crise sanitaria provocada polo covid-19 puxo de relevancia a importancia do psicólogo no sistema sanitario. O confinamento e a situación que veu despois levou ao límite a moitas persoas e fixo aflorar patoloxías sen diagnosticar que poñen contra as cordas a saúde mental.

A PANDEMIA puxo na corda floxa a saúde mental, que segundo indican moitos profesionais xa contaba con problemas de base que a crise sanitaria sacou do seu letargo. A psicóloga e neuropsicóloga clínica Alicia Lage Neira, que dirixe a clínica Sinapsis —rúa Celso Emilio Ferreiro, Burela— recoñece que unha boa saúde mental é básica para o benestar do ser humano, pero que aínda existe un certo recelo a acudir á consulta dun psicólogo.

Como está incidindo a pandemia na saúde mental?

Antes desta crise sanitaria había persoas con procesos subclínicos de base, coma tristeza, melancolía, medo, inseguridades, que o confinamento e a pandemia fixeron que afloraran pola situación social que vivimos e tamén polas incertezas a nivel laboral. Todo isto fai que a saúde mental se estea resentindo. Por exemplo, agora hai picos de transtornos compulsivos como os ‘tocs’: o toc de limpeza acentuose moito ou o de contaminación. O medo a contaxiarse das persoas condúceos a levar ao extremo comportamentos compulsivos que moitas veces se perciben como manías. Neste senso, hai pacientes que chegan coas mans sangrando de usar xeles e de lavalas continuamente.

Que consecuencias pode deixar na sociedade esta situación?

É evidente que van quedar moitas secuelas, precisamente por esas patoloxías de base que agora se fomentaron moito. Haberá xente con alteracións emocionais non tratadas que poden derivar en relacións persoais disfuncionais, en absentismo laboral ou en fracaso académico.

"Moita xente aínda descoñece que acudir ao psicólogo non é ir un día senón que é unha terapia que conleva tratamento"

Haberá xente que igual non é consciente destas situacións.

Si, hai persoas que non o perciben como un problema e outras que non queren recurrir a un profesional. Tamén están aqueles que non poden pagar unha consulta privada e no sistema público o servizo psicolóxico está colapsado porque hai poucos profesionais. Dende o colexio de psicólogos están pedindo que aumente o número de profesionais porque sería básico contar con máis prazas en Atención Primaria.

Esta pandemia puxo de relevancia a figura do psicólogo?

Houbo un desgaste emocional que nos fixo darnos conta de que os psicólogos somos básicos. Por exemplo, o persoal sanitario estivo sometido a unhas situacións extremas de fatiga e viviu procesos traumáticos cunha carga emocional moi forte á hora de tomar certas decisións. Aí quedou claro que a figura do psicólogo era precisa para atender a saúde mental destes profesionais e por conseguinte para manter o sistema sanitario que tan importante é para poder superar a crise sanitaria vivida e que aínda se está atravesando.

Aínda existe certo recelo á hora de asistir ao psicólogo?

Sen dúbida. A maioría das persoas tampouco teñen moi claro o que significa acudir a unha consulta porque pensan que cunha vez é suficiente para solucionar todos os seus problemas, pero non é así. É unha terapia que consta de varias fases empezando por unha avaliación do paciente e que conleva un tratamento que se prolonga no tempo en función do problema que presente cada persoa. De tódolos xeitos, é certo que hoxe en día fíxose un gran avance na Psicoloxía e recoñécese como unha profesión científica.

Pódese establecer un perfil do paciente psicolóxico máis habitual?

Podería falar dende a miña experiencia, que é cun grupo de pacientes que non é significativo para establecer un perfil. Pero o que si se pode afirmar, porque é unha tendencia, é que as mulleres son as que recurren ao psicólogo con máis frecuencia.

Existen persoas máis vulnerables dende o punto de vista mental?

Si, e neste sentido é fundamental a educación que recibimos dende nenos. Dicía Charles Darwin que non sobrevive o máis intelixente nin o máis forte senón aquel que se adapta mellor aos cambios e é totalmente certo. É moi importante que o estilo educacional dos nenos os prepare para adaptarse a calquera situación. Un neno ten que pasar por todas as emocións e tamén aprender a fortalecer as súas debilidades.

Como neuropsicóloga, a saúde mental inflúe na aparición de enfermidades neurodexenerativas coma o alzheimer?

Este tipo de enfermidades teñen un compoñente hereditario moi importante, pero o ambiente tamén é determinante en que se desenvolvan ou non. Por iso unha boa saúde mental é fundamental porque pode contribuir a que non se manifeste esa doenza aínda que o paciente teña predisposición a padecela por xenética. Tamén hai que coidar a saúde física, pola súa influencia no estado mental.

"É evidente que a pandemia vai deixar moitas secuelas mentais"
comentarios