A estrada do Pirixel suma un novo sinistro cunha saída de vía

O condutor, ileso tras chocar cun noiro. O Concello pediu á Xunta medidas para reducir os accidentes

A estrada vella de Viveiro a Ribadeo LU-102 no Pirixel rexistrou este mércores un novo accidente, unha saída de vía na que o condutor e único ocupante do vehículo resultou ileso. A alta sinistralidade neste tramo levou ao Concello a demandar á Xunta que tomase algún tipo de medida, pero segundo dixo este mércores a alcaldesa, María Loureiro, "de momento non contestaron".

O último sinistro produciuse cara á unha menos dez do mediodía cando o condutor, un veciño do municipio de 28 anos, que circulaba polo tramo de curvas en dirección Viveiro, perdeu o control do vehículo e impactou contra o noiro esquerdo do muro á altura do punto quilométrico 1,050. O condutor non necesitou asistencia médica e o vehículo, un Peugeot 306, sufriu danos na súa parte frontal.

Veciños desta zona alertaron nos últimos meses sobre o incremento da sinistralidade no tramo. O goberno municipal encargou á Policía Local un informe que fixo chegar á Consellería de Infraestruturas no que se recomenda a instalación de elementos reductores da velocidade, ademais de guías sonoras ou elementos reflectores. Na zona houbo uns 25 accidentes nos últimos cinco anos, algúns con feridos graves.