"Estamos facendo unha chea de horas para recuperar as perdas"

A reapertura das terrazas xera máis dunha polémica. O burelao Rubén Pinín está á fronte da do Contraste, que este xoves recibiu unha inspección por parte de Sanidade. O xerente do local chama á profesionalidade e á responsabilidade do sector hostaleiro e da súa clientela
Rubén Pinín. EP
photo_camera Rubén Pinín. EP

Terrazas na primeira fase da desescalada, pero con moitas limitacións sanitarias que hostaleiros coma o burelao Rubén Pinín tratan de capear a base de traballo.

Como foi a inspección?
Saíu todo perfecto, apto sen ninguna deficiencia. A inspectora entrou ao local e díxenlle que só podían acceder para ir ao baño, identificouse, e revisou todo: cámaras, conxeladores, que non tivesemos cartas físicas postas nas mesas nin palilleiros ou servilleteiros e tamén me pediu un metro para literalmente medir a distancia de seguridade de dous metros entre as mesas, nós temos marcas no chan para cando se move a xente; mirou se tiñamos xel hidroalcohólico tanto para uso dos clientes coma para nós dentro da barra, e o control da limpeza de baños, que agora temos que facer polo menos seis veces ao día, e tamén comprobou como se fai a desinfección de mesas e sillas cando se levantan os clientes.

Estivo logo un bo cacho...
Estivo arredor dunha hora vendo o funcionamento de todo e confirmounos que podemos servir pinchos ou tapas de xeito individual, pero non pasar una bandexa polas mesas, como xa faciamos.

Algunha xente aínda ten medo a saír da casa polo virus.
Por suposto que hai que ter medo ao coronavirus, por iso cumprimos as medidas que nos mandan para poder traballar, aínda que ao parecer a algúns non lle parecen suficientes e tratan de poñer máis restriccións. Penso que a profesionalidade e a responsabilidade non teñen horarios.

As saídas para tomar algo nas terrazas non teñen horario, ¿pensa que deberían telo?
Non me parece lóxico. En Burela cada local ten que cumprir a licenza do seu negocio, que xa indica ata que hora pode estar aberto e os horarios de peche, pois aquí non hai ningunha ordenanza municipal de terrazas que regule outros horarios. Outros hostaleiros da localidade que hoxe —por este xoves— falaron comigo están dacordo niso. Na fin de semana se vén bo tempo é cando poderán funcionar mellor porque sae máis a xente que traballa durante a semana. Ademais, se non se quere fomentar o botellón é mellor deixar estar á xente nas terrazas ata unha hora normal, como pode ser as dúas da mañá, cumprindo coas distancias de seguridade, claro, para que poidan tomar unha copa, un café ou o que sexa despois de cear e non teñan que pillar o coche para ir ata outros concellos, co risco que iso suporía ao ter que conducir á volta. É sentido común.

Como está funcionando?
Estamos contentos, facendo unha chea de horas para intentar recuperar a base de traballo, todas as perdas que tivemos despois de dous meses pechados e rescatando pouco a pouco os empregados.

Comentarios