O escritor Miqui Otero pregoará o mercado medieval de Alfoz

A cita coa historia é esta fin de semana na contorna da fortaleza de Castrodouro

Miqui Otero. AMA
photo_camera Miqui Otero. AMA

O xornalista e escritor Miqui Otero, nacido en Barcelona pero con raíces en Alfoz, será o encargado este ano de ler o pregón do mercado medieval, que se celebra o fin de semana. O acto está previsto para o sábado, ás doce da mañá, no patio de armas do castelo de Castrodouro nunha edición moi especial, xa que se trata do 20 aniversario desta cita coa historia. "Na vixésima edición teremos o inmenso pracer de contar coas palabras do escritor, xornalista e profesor Miqui Otero", aseguraban desde a organización, "Miqui é un deses casos de alfoceses que están fóra e que se lembran sempre da súa terra falando dela cando ten ocasión".

O programa de actos arrinca xa a noite do venres, ás nove e media, co desfile de traxes medievais do Nabiño de Mondoñedo. A continuación, está previsto un espectáculo de danzas medievais con Maro Uría e as confesións e misterios do bispo Fadrique de Guzmán. A noite seguirá coa queimada amenizada polo grupo Illa Pancha. Xa o sábado, a xornada empezará sobre as nove e cuarto da mañá coa ruta de sendeirismo As fortalezas do Mariscal, desde A Frouxeira ata Castrodouro da man de Freixo dous Lobos. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no teléfono 657.84.92.00. ás once da mañá, está prevista a apertura do mercado na contorna da fortaleza de Pardo de Cela que recordará aos mercados do século XV con postos variados e demostracións de oficios tradicionais. Ao mediodía, as comidas estarán amenizadas cos grupos Souto Xímaro e Trobadores do Piñeiro.

As actividades empezan o venres cun desfile de traxes, un espectáculo de danza e o do bispo Fabrique de Guzmán

Tras a lectura do pregón, será o momento da imposición das medallas aos Escudeiros do Castro no patio de armas da fortaleza e a continuación está previsto un teatro de monicreques coa representación da obra As tres propostas. Durante a tarde poderán gozarse distintos xogos como os Xogos Valecos ou os ecuestres. Tamén están previstas exhibicións de cetrería e tiro con arco ou un espectáculo de xogos malabares. Os máis pequenos terán un papel relevante na Revolta Irmandiña infantil e na Percura do Segredo do Mariscal. Tamén para eles haberá talleres de barro e cestería e un no que poderán facer o seu propio pan. Ademais Micromina Monicreques representa a obra Romances.

E para ir finalizando a xornada está prevista a gran cea medieval acompañada do espectáculo dos malabares con lume de Asacocírco. E a partir das once da noite, será a escenificación Credo, credo, credo, seguida de queimada e baile coa agrupación folclórica Ribas do Sil, que será o que poña fin á edición deste ano.

Comentarios