As escalas no porto deportivo de Viveiro crecen ata os 4 días

O inicio de tempada é algo máis frouxo en Ribadeo polo tempo inestable

O tempo das escalas no porto deportivo de Viveiro crece ata os catro días, segundo confirma o responsable da instalación, Fernando Medraño, quen indica que esa estancia duplica o período de parada dos últimos anos, pero ademais os navegantes recalan dúas veces na dársena vivariense, á ida e á volta, sumando entre semana ou semana e media. "Os que son clientes repiten", constata.

O peirao recreativo rexistra o movemento habitual doutros anos nestas datas. "Os tránsitos están na liña doutros anos". O porto rexistra unha entrada media de 20 ou 25 veleiros, dispondo de entre 45 e 50 prazas para o tránsito, que varían segundo as necesidades e a ocupación, das 230 existentes. Este turismo "vai a máis, recupera barcos nacionais que volven viaxar e hai bo mercado con Francia, ademais de aumentar os ingleses, nórdicos e alemáns", destaca.

O perfil do navegante é o de xubilado que viaxa coa familia ou os amigos, normalmente son parellas, dúas ou tres persoas por embarcación que realizan a maior parte da actividade turística e comercial na cidade.

Pola súa banda, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, explica que o inicio de tempada está a ser un pouco frouxo no peirao ribadense respecto de anos precedentes de gran puxanza e mellor clima, algo que achaca ao tempo inestable, aínda que a partir desta semana espera maior afluencia. De feito, o movemento nótase desde hai semanas, pero a onda de calor no norte de Europa motiva que aproveiten as súas instalacións.

A maior parte dos tránsitos que paran nesta dársena proceden de Francia (70%) seguidos dos de Alemaña e Bélxica. Acuña sinala que "non paran moito, porque é un porto de paso e os navegantes van cara ás Rías Baixas pois buscan o sol". A maioría tamén están retirados e aproveitan para percorrer a costa aos poucos. Viaxan unha media de tres persoas por embarcación, que usan as duchas e instalacións, pero despois fan compras e vida na vila ribadense.

O usuario tipo do porto ribadense é da localidade, pero reside fóra e sobre todo acode en agosto. O porto, con 641 prazas de amarre, destina 32 para os veleiros de paso ao ter ocupadas todas as prazas e lista de espera, pero "non hai problema para acoller a todos vos que queiran vir".

Comentarios