Enfado hostaleiro polo recorte de aforamento en Viveiro a causa do gromo

A falta de capacidade en terrazas condena un bo número de bares ao peche temporal
INTERIOR VACIO DEL BAR EL CAFETIN DE VIVEIRO
photo_camera Interior baleiro dun bar en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

As novas restricións establecidas para a hostalería de Viveiro debido ao gromo de covid-19 detectado nos últimos días e que serán efectivas a partir deste sábado causaron unha forte indignación entre o sector. Unha parte dos bares do concello veranse obrigados a pechar por mor da limitación de aforamento, que só permite o 50% de ocupación nas terrazas cando algúns locais só teñen un par de mesas e quedarían cunha, polo que non lles compensa permanecer abertos. 

Os xerentes do Rincón do Tronco, Francisco Casanova e María Dolores Dasilva, expresan o seu cabreo sen ambaxes: "Cárgannos a culpa á hostalería cando foi nun supermercado e nunha festa de cumpreanos. Iso non é normal, sempre nos machacan a nós. Levamos así 15 meses, e isto é insostible. Como colla por aí a algún dos que están confinados, porque aquí coñecémonos todos, vai apañar, porque levamos ano e medio sen gañar un peso", afirma Dolores. 

Francisco Casanova: "Se chove non traballas porque a maioría das terrazas non están cubertas nin hai espazo para amplialas"

Francisco engade que "é totalmente inxusto. A nós ninguén nos vai pagar por estar pechados e temos unha media de 3.000 euros en gastos, pasas todo o mes traballando e ao final aínda perdes". Engade que "se chove non traballas porque a maioría das terrazas non están cubertas, nin se poden ampliar porque non hai espazo físico na rúa peonil —por Pastor Díaz— e hai moitos con dúas mesas que terán que pechar". 

CABREO. É o caso do Cafetín, rexentado por María Díaz López, quen se pregunta: "¿Para que vou abrir? Pecharei. Debían poñerlles unha boa multa aos inconscientes que se foron de churrascada e agora están de baixa, seguirán cobrando que son empregados todos, pero eu quedo a cero a partir do sábado. Estou moi cabreada, colleume ao revés cando xa estaba ilusionada, pensei que todo ía ben, pero vén isto de súpeto, e que pare aquí e non haxa peche perimetral". 

Enrique Porral: "Pensaba contratar persoal para reforzar o servizo de cara ao verán, pero así é imposible, tiven que aprazalo"

Tamén baixará a persiana o mesón O Asador, cuxo responsable pensa que "a teñen collida connosco, somos uns leprosos, temos que pechar sen comelo nin bebelo, por unha comida particular, a pesar de que onte dicía o xerente da área sanitaria que estaba acoutado o gromo", lamenta Enrique Porral. O hostaleiro considera "incomprensible" a situación cando empezaba a haber ambiente. "Xuntouse a pandemia co de Alcoa e o peche perimetral de Asturias". El pensaba contratar persoal para reforzar o servizo de cara ao verán, pero aprazou a medida. "Así é imposible", recalca. 

UN ESCÁNDALO. O xerente do bar El Paso, José Manuel Candia, di que só abrirá un par de horas pola mañá para dar cafés para levar porque non ten terraza. "Esperemos que só sexan 15 días, pero desde hoxe xa non collo mercancía; isto é moi difícil de aguantar, é un escándalo que sempre teñan que pechar os bares cando o brote vén dunha comida, tres familias que fan pechar a toda a hostalería de Viveiro. Se dou positivo nunha comida desas e pecha todo, non sei como me sentiría, porque es ti o culpable de non tomar as medidas necesarias. Iso é terrible. Que comemos agora os que pechamos? E o que ten empregados, que fai? Aínda non sei como hai tantos locais abertos, a xente está resistindo como pode, porque no Erte non pagan, pero de que comes, de que vives?". 

José Manuel Candia: "Se dou positivo nunha comida desas e pecha todo, non sei como me sentiría, porque es ti o culpable"

DIFÍCIL PLANIFICAR. Alejandro Balseiro do restaurante Nito e do hotel Urban, indica que utilizarán as terrazas. "Intentaremos sobrevivir como se poida, porque cada vez recortan un pouco máis". Vive a situación coa "incerteza de que non sabes en que momento pecha, así é difícil, non hai certeza para traballar con regularidade. Un negocio pode pasar de ser viable a non selo". Considera "inxusto" que a hostalería "sempre sexa a sinalada, pero non vale de nada queixarse, hai que intentar buscar o lado positivo e o xeito de afrontar a situación. Temos que facer cousas que nos permitan aguantar o negocio". 

Jesús Míguez: "Estamos a pagar o pato os de sempre, estase vendo que non somos nós, isto é a nosa ruína"

Nemesio Canoura, do restaurante Boa Vista, en Celeiro, tamén se verá obrigado a traballar só co 50% de ocupación en terraza. "Pagamos nós o pecado, hai que ter paciencia a ver se saímos adiante, esperemos que en 15 días se poida resolver. Hai que ter esperanza de que isto mellore e se recupere a normalidade para ampliar aforamento antes do verán. Isto veu xusto cando podiamos aumentar a seis as persoas por mesa. A ver se coa vacinación melloran as cousas", confía. 

O restaurante O Fumeiro de Cantarrana tamén pechará ao quedar cun par de mesas. O seu xerente, Jesús Míguez, asegura que "estamos a pagar o pato os de sempre, estase vendo que non somos nós, son outros negocios e a xente. Isto é a nosa ruína". 

Ana Pérez Parapar: "Algunha medida hai que tomar, pero estaría ben que deixasen traballar por zonas como pasa en Madrid"

A xerente do mesón K2 de Covas, Ana Pérez Parapar, analiza se pecha ao quedar só con doce persoas na terraza. "Aínda non sei realmente o que vou facer, non parece viable, hai que botar números. É tremendo, porque a culpa non é nosa", razoa e engade que a hostalería é a primeira afectada a pesar de cumprir todas as medidas e incorrer en múltiples gastos para garantir a seguridade ante o covid-19. 

Trata de ser positiva e espera que se os casos melloran e baixa a incidencia permitirán a ampliación do aforamento como ocorreu noutros concellos. "Algunha medida hai que tomar, pero estaría ben que deixasen traballar por zonas como pasa en Madrid, pero eles son os entendidos e hai que acatar as normas".

O goberno local apela á responsabilidade social de todos 
O goberno vivariense pide que se extremen as precaucións e cumprir as limitacións establecidas para evitar novos contaxios. Apela á responsabilidade social para mellorar a situación epidemiolóxica actual —con 35 positivos dos últimos 14 días— e recuperar a normalidade canto antes e poder pasar páxina. 

Reunións 
A pesar de estar en nivel alto, en Viveiro tamén entrará en vigor a norma da Xunta que permitirá reunións de ata 10 persoas no exterior e de 6 en interiores, o que daría moito xogo á hostalería se non entrara no nivel alto de restricións, que impide abrir o interior dos establecementos hostaleiros e rebaixa o aforamento en terrazas ao 50 por cento.

Comercios 
Viveiro non se poderá beneficiar, con todo, da ampliación de aforamentos no comercio, actividades profesionais, culturais e académicas, que será do 75 por cento en todos os concellos, menos nos encadrados nos niveis máximo e alto. 

Como en toda a comunidade galega, as reunións de non conviventes seguen prohibidas de 1.00 a 6.00 horas.

Comentarios