Tres encapuchados rouban de madrugada no restaurante A Cofradía de Rinlo

En apenas oito minutos foron directamente á oficina do establecemento e levaron o diñeiro que había nunha caixa
Restaurante A Cofradía de Rinlo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Restaurante A Cofradía de Rinlo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Tres persoas encapuchadas roubaron a pasada madrugada no restaurante A Cofradía de Rinlo. Un suceso que se produciu ás dúas menos vinte da madrugada, que é a hora en que saltou o aviso na central de alarmas da empresa de seguridade que ten contratado o establecemento.

O roubo produciuse en apenas oito minutos e nas imaxes das cámaras de seguridade identifícanse tres persoas, todas coa cara tapada e unha delas portando unha maza, coa que supostamente rompeu o cristal da porta principal para poder acceder ao local.

Unha vez dentro, dirixíronse directamente á oficina situada no piso de arriba e apropiáronse do diñeiro que había nunha caixa e que tiñan para o cambio necesario do local, unha cantidade que non transcendeu, pero sen ser desorbitada se pode considerarse bastante efectivo.

Foi a única dependencia á que accederon, porque non foron á rexistradora e o local carece de máquinas recreativas, polo que parece claro que os ladróns sabían dos costumes dos donos do local, que leva aberto máis de catro décadas e é o primeiro roubo de consideración que sofren. 

Sospéitase que os autores puideron usar un coche roubado para o atraco, pois apareceu un vehículo abandonado nun cruzamento, nas inmediacións.

O suceso non impediu o normal funcionamento do local, que repuxo o cristal danado da porta de acceso, uns danos valorados nuns 200 euros.

Comentarios