Emotiva homenaxe a Benjamín González, o "gran descoñecido" que foi 30 anos párroco de Burela

Diversas persoas falaron da faceta social, educativa e literaria do cura, falecido en maio do pasado ano

Homenaje en Burela a Benjamín González Quelle. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Unha misa abriu a homenaxe a Benjamín González. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Numerosos veciños asistiron este venres á homenaxe que o Concello burelense rendeu a Benjamín González Quelle, párroco de Burela desde 1959 e durante preto de trinta anos e que faleceu o pasado maio. Un acto que "consideramos importante facer para recordar a súa figura e a súa traxectoria na localidade", recordou o concelleiro de cultura, José Díaz, encargado de abrir as intervencións. Outras persoas que o coñeceron glosaron a faceta social, educativa, literaria e relixiosa do que definiron como "o gran descoñecido" polo seu carácter tímido.

"Fillo, ti dis unha e outra quedas", confesou o sacerdote José Miguélez que lle dixo un día a Benjamín a súa nai Manuela. Unha frase que resume ben ese carácter discreto que lle acompañou toda a súa vida, "unha carencia comunicativa que sustituíu pola afectividade", pero que non estaba rifado "cun forte pronto", asevera o que fose o seu amigo e compañeiro durante nove anos no arcebispado e o encargado de ler no seu funeral un dos moitísimos poemas que escribiu.

"Tiña moitos e moi bos, era un gran poeta", contou Miguélez, quen explicou que na escritura podía envorcar todos os seus sentimentos. "Era a súa maneira de reciclar", conta.

Da súa faceta literaria, Díaz apuntou a súa "calidade, tanto en prosa como en verso, textos escritos de maneira áxil, clara, descritiva e metafórica, non exentas de ironía e realismo social".

González Quelle escribiu a súa primeira obra aos 67 anos e escribiu un total de sete libros, un deles sobre as súas vivencias como cronista de Burela, un labor que desempeñou con pracer, pois como el mesmo explicaba nun vídeo gravado polo seu irmán Reinaldo durante unha homenaxe "Burela foi a miña noiva, a miña esposa, o meu fogar".

Un lugar ao que foi destinado sete anos logo de ser oficiado sacerdote en Barcelona no ano 1952, tras outros catro destinos previos. Naceu en Viveiro en 1927 e cando ingresou no Seminario de Mondoñedo tiña claro que o que quería era estudar, pero terminou queréndose ser cura.

"Os ensinos que recibiu nesa época", recordou o actual párroco burelense, Jesús Álvarez Piñón, "foron moi estritos e tivo que desaprender para achegar o pobo aos pés de Jesús".

As intervencións intercaláronse con imaxes do homenaxeado nunha pantalla mentres tocaba en directo o grupo de cámara da escola de música local.

Comentarios