Emilio Xosé Insua presenta en Viveiro un volume sobre o escritor Xoán Pla Zubiri

É o primeiro traballo para a Biblioteca Emilio Antonio Insua García de Estudos Viveirenses, no que repasa a traxectoria do poeta e incorpora textos inéditos. A presentación é o sábado 21 no conservatorio

O salón do conservatorio acolle o sábado 21 de abril ás sete da tarde a presentación de O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936), primeiro volume da Biblioteca Emilio Antonio Insua García de Estudos Viveirenses que impulsa o escritor Emilio Xosé Insua en homenaxe ao seu pai, que dá nome a esta colección.

Este primeiro volume consta de dous tomos. O primeiro está dedicado á vida do escritor e á análise da súa produción literaria no seu contexto histórico, pero tamén fai referencia a outros membros ilustres da súa familia, como o xornalista e alcalde Florencio Pla Sampedro, o maxistrado Juan Pla Sampedro —pai do poeta— ou o seu sobriño Xoán Xosé Pla, "que tivo un destacado papel na historia do galeguismo e do exilio republicano en Francia".

No segundo tomo inclúense as dúas obras que o autor vivariense editou en vida, A Tola de Covas (1917) e Desengano (1926), ademais dun total de 134 textos inéditos ou publicados en xornais e revistas da época "que Emilio Xosé Insua localizou, transcribiu e analizou para este primeiro volume". 

No acto de presentación estará o propio autor e acompañarano o concelleiro Jesús Fernández e o profesor xubilado e poeta Ricardo Timiraos.

Máis en A Mariña
Comentarios