As eleccións nunha mesa de Burela poderían repetirse coas xenerais, o 10-N

O día da votación suporía contar cunha urna máis nunha mesa do instituto Perdouro
Alfredo Llano. AMA
photo_camera Alfredo Llano. AMA

A convocatoria das eleccións xerais para o 10 de novembro, que se fará oficial a semana próxima, terá consecuencias directas para a comarca, pois podería condicionar tamén a repetición dos comicios municipais nunha mesa en Burela.

O alcalde, Alfredo Llano, xa avanzou que é a opción máis sensata. "É unha percepción persoal, pero cremos que é máis lóxico, aínda que é unha decisión que corresponde á Xunta Electoral Central, que terá que publicalo no Boe, xa que hai que cumprir uns prazos mínimos", asevera o rexedor en funcións.

O tempo que debe transcorrer desde a convocatoria ata a celebración permite aínda que as eleccións se fagan coincidir coas estatais, o que sería máis cómodo e suporía un aforro económico e é que son catro os concellos españois na mesma situación que Burela. A efectos prácticos, o día da votación suporía contar cunha urna máis na mesa U do instituto Perdouro, na que se resolveu repetir os comicios por un empate a votos entre o BNG e Burela Sempre, que presentou un recurso ao outorgarlle o edil en liza aos nacionalistas.

Son 630 os electores desa mesa, dos que 403 exerceron o seu dereito ao voto nos comicios locais de maio. Uns votantes, dos que 157 se decantaron polo PSOE, que quedou a un edil da maioría absoluta, polo que os comicios son importantes para todos os partidos, pois os socialistas intentarán pelexar pola maioría absoluta mentres que o resto buscarán impedilo. "O que está claro é que nos imos ir aos seis meses en funcións e iso é moito tempo, porque hai proxectos nos que non podemos avanzar".

Comentarios