jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

A elaboración de conservas dará valor engadido ás hortalizas mindonienses

Mónica Maestre, na súa tenda mindoniense Hortas de Galicia. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Mónica Maestre, na súa tenda mindoniense Hortas de Galicia. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Agricultores locais apostan por abrir novos mercados para un produto de recoñecida calidade

Aproveitar o produto e darlle un valor engadido é o obxectivo dos horticultores Mónica Maestre e Jorge Losada, que acaban de fundar a Asociación de Produtores de Conservas de Hortalizas de Mondoñedo, que aposta pola produción e comercialización de verduras envasadas, co fin de abrir novos mercados para un produto de recoñecida calidade, como testemuña o selo Horta de Mondoñedo baixo o que comercializan en fresco diversos produtores e que levará tamén as conservas.

A idea de contar cun local propio onde poder envasar xorde por mor da boa acollida que tivo o pasado ano a iniciativa deste matrimonio de comercializar tomate ao natural, fritido e marmelada con parte da súa produción. Facer o mesmo, pero a prezos máis competitivos que permitan que maior clientela poida chegar a un produto "natural, sen conservantes e que aguanta ano e medio de conserva" é o obxectivo que teñen agora para aproveitar e diversificar a súa produción, que ademais de tomate inclúe calabacín, berenxena, acelga, nabiza, grelo e xudía verde, "coa opción ademais de poder facer tamén pisto", sinala Mónica Maestre, a presidenta da asociación.

"A idea é que sexa produto primeiro de Mondoñedo, pero non descartamos que co tempo se poida xerar outra demanda, por exemplo de xente que teña froita e que nun momento dado queira facer marmelada e que poida facer uso das instalacións", recorda a horticultora, quen destaca tamén que o proxecto xerará emprego, con postos que poden variar en número en función do groso das campañas.

Cre, ademais, que é unha forma de potenciar a vida no rural, pola que ela mesma apostou hai anos tras abandonar Madrid. Desde hai ano e medio rexenta xunto aos soportais da Praza da Catedral a tenda Hortas de Galicia. Un establecemento co que trata de facerse un oco apostando por un produto de proximidade, tradicional e de calidade, que achegue ao consumidor a horta pola que Mondoñedo segue sendo coñecido e recoñecido.

A elaboración de conservas dará valor engadido ás hortalizas...
comentarios