Dúas alcaldías importantes sen futuro cerrado

En Burela todo apunta a un pacto entre o PSOE e o BNG e en Foz os socialistas barallan tanto a opción
de reeditar o bipartito como de gobernar en minoría
Fran Cajoto. JM ÁLVEZ
photo_camera Fran Cajoto. JM ÁLVEZ

Dúas das alcaldías máis importantes da Mariña, as de Burela e Foz, non teñen o seu futuro pechado para os vindeiros catro anos aínda que foron os socialistas os que ganaron nas dúas prazas.

A axustada vitoria socialista en Burela fai necesario un pacto que lle dea gobernabilidade ao Concello. Na noite electoral, a candidata Carmela López deixaba clara a súa intención de liderar a busca dun acordo, aínda que onte evitou falar de pactos concretos e dixo que falará coas forzas que teña que falar cando chegue o momento de facelo.

Neste senso, o nacionalista Mario Pillado, a pesar de perder un concelleiro é consciente do papel clave que ten a formación na conformación do futuro goberno e se ben evitou entrar en concrecións adiantou que os resultados os puxeron frente a unha oportunidade que deben aproveitar. Isto parece indicar que os nacionalistas poderían entrar esta vez nun goberno bipartito co PSOE que rexeitaron en 2019.

Pola súa banda, o PP que foi o partido que máis apoios sumou dende os últimos comicios valora positivamente os seus resultados e avanza que seguirán traballando dende o lugar que lles corresponda. Ante a escasa diferenza co PSOE, Manuel Rouco recorda que os resultados aínda se deben refrendar na xunta electoral e que en Burela houbo moitos votos nulos que son dubidosos.

Tamén en positivo falou Alberto Eiroá, de Son Burela dos seus resultados porque conseguiron representación na corporación aínda que lamentou non ter a posibilidade de influír de forma directa no futuro goberno.

Foz

Á vista dos resultados de Foz, moi semellantes aos de 2019 aínda que cunha subida do BNG que conseguiu o concelleiro que tiñan os independentes, todo parecía indicar que se reeditaría o pacto de goberno. Sen embargo este luns, o socialista e actual alcalde, Fran Cajoto, recoñecía que teñen abertos os dous escenarios, tanto reeditar o bipartito co BNG coma gobernar en minoría. Recoñecía que aínda que a experiencia de coalición tivo aspectos positivos tamén tivo outros que non o foron tanto, polo que deberán pensar e decidir o que farán.

A este respecto o nacionalista Fran Fanego asegura que a falta de reunirse en asemblea, defende que non se entendería que non se reeditara o pacto de goberno, dado que as circunstancias son as mesmas que hai catro anos.

Pola súa banda, o popular Javier Castiñeira mostrou a súa satisfacción pola campaña realizada e avanzou que seguirá traballando dende a oposición na mesma liña que ata o de agora, de xeito responsable e facendo xestións para o concello. Do novo goberno Castiñeira espera que lles dea participación e colaboración.

Máis en A Mariña