Douscentos atletas participarán este sábado na Carreira Popular Vía Verde do Eo

A proba consta de 10 quilómetros e pasará por catro túneles, que lle darán un toque exótico á carreira atlética que rende homenaxe a Tito Margaride

Atletas en una prueba
photo_camera Atletas nunha proba

Este sábado estréase na Mariña, máis concretamente na Pontenova, unha proba atlética popular que ten todos os ingredientes para converterse nunha competición de categoría. Trátase da Carreira Popular Vía verde do Eo e que nesta primeira edición rende homenaxe a Tito Margaride, o atleta pontenovés.

A proba nacerá ás 17.30 horas desde a zona Pé da Viña e conta con 200 inscritos, que era, a priori, o obxectivo que se marcaron desde a organización, que corre a cargo da Asociación Cultural e Deportiva As Minas da localidade mariñá.

Unha proba que contará con coñecidos atletas entre os seus participantes, como Cristian Expósito, Esteban Iglesia, Marcos Conde, Martín Pardiñas, Siro Maseda, Delio Val ou Juan Luís Gómez del Rio na categoría masculina e Ana Margaride ou Nerea Rodríguez na feminina. Chama a atención a gran cantidade de mulleres apuntadas á proba, unha cincuentena aproximadamente.

Os catro túneles polos que pasará a carreira son, quizá, o máis rechamante da carreira, que transcorre integramente pola antiga vía do tren mineiro que hai moitos anos unía A Pontenova con Ribadeo.

A proba ten 10 quilómetros de percorrido e atravesa os concellos de San Tirso de Abres, Trabada e A Pontenova, onde terminará nas proximidades da Praza dos Fornos, no centro da localidade mariñá. O percorrido será un 50% por asfalto e un 50% por pista e sempre vai cerca do río Eo.

Hai diferentes categorías. Está a absoluta masculina e feminina, e os tres primeiros de cada unha recibirán un trofeo. Pero tamén se dividirá por idades. Así, haberá cadetes (2003 e 2004), xuvenís (2001 e 2002), sub 20 (1999 e 2000), sub 23 (1996-1998), sénior (desde 1995 ata os 34 anos), máster 1 (de 35 a 44 anos), máster 2 (de 45 a 54 anos) e máster 3 (55 anos en diante). Haberá medallas para os tres primeiros de cada categoría.

A entrega de dorsais será este venres mesmo, entre as 15.00 e as 17.00 horas na casa da cultura da Pontenova. E a organización porá un servizo de autobuses  para o traslado de corredores á zona de saída. A organización tamén disporá de servizo de duchas e vestiarios no campo de fútbol da Mina, avituallamento líquido e sólido ao finalizar a proba e servizo de gardarroupa na propia casa da cultura.

A carreira contará cun servizo de cronometraxe a través de chip, que se deberá levar colocado na zapatilla ou no nocello.

Ana Margaride, irmá do homenaxeado, é unha das atletas favoritas entre as mozas, aínda que ela dá como principal candidata á vitoria a Nerea Rodríguez

Unha das protagonistas da carreira será Ana Margaride, irmá do homenaxeado. "Paréceme xenial que se faga esta carreira, porque aquí na Pontenova sempre houbo moita afección por correr, e era un asunto pendente que existise unha carreira", apunta. "O que máis chama a atención son os túneis, porque ademais non teñen o piso uniforme, e iso é algo que non ten ningunha carreira, así como cruzar as pontes; danlle un toque de aventura", comenta e engade: "Hai moitísima xente apuntada da Pontenova, e creo que a favorita de mozas é Nerea Rodríguez, que xa corría moi ben de pequena e que agora volveu a retomar o tema do atletismo".

Comentarios