Ribadeo exhibe un rap sobre a droga sumando a novos talentos

O Concello, o Porta da Auga e o Programa de Drogodependencias impulsaron a idea, executada por un rapeiro local e outro marroquí

Youssef Selouana e Adrián Yáñez, (Deep Riot), este martes na presentación do videoclip. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ
photo_camera Youssef Selouana e Adrián Yáñez, (Deep Riot), este martes na presentación do videoclip. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

Concienciar, sobre todo á mocidade, respecto dos riscos que leva o consumo de drogas, principalmente as derivadas do cannabe, foi o obxectivo dun traballo realizado desde a localidade ribadense, que se materializou en forma de canción de rap. A mensaxe é capaz de sintetizar decenas de charlas sobre a materia e débese ao talento, a voz e as letras de dous rapeiros: Adrián López, de Deep Riot, e Youseff Selmouni, de orixe marroquí. O tema contou coa colaboración dunha tradutora de árabe, que reside na vila, Naima Lamini.

Alumnos de Ribadeo asistiron este martes, no Cine Teatro, á estrea do videoclip que pode verse na web ou simplemente buscando en Youtube co nome da canción En Paz.Ach Dani -a última parte, traducida, significaría algo así como as consecuencias dos meus actos ou que fixen para chegar a isto-.

Hai case un ano que se fraguou a idea, impulsada por tres persoas: a responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias, Mónica Fernández; a orientadora do Centro Integrado de Formación Profesional, Marta Fojo, e a concelleira de servizos sociosanitarios de Ribadeo, Sonia Meilán -este martes ao evento acudiu tamén o alcalde, Fernando Suárez-. O citado instituto, sobre todo a través do profesorado e do alumnado do ciclo de Educación Infantil -especialidade que cursa Adrián Yáñez; Youssef é estudante de FP básica-colaborou na iniciativa, do mesmo xeito que a empresa de audiovisuais El Farero, con David Castro como director do vídeo.

As letras son elocuentes: "Deixei os meus estudos e tirei os meus libros /non espertei, ata que me atopei na rúa / metido en drogas", é parte da composición interpretada por Youseff. "O mundo na palma / queimando o meu futuro /perdendo todo o que gañei / en forma de fume", é o inicio do tema de Adrián Yáñez. Aos alumnos estrañoulles que unha gravación tan coidada custase pouco pero con talento e esforzo pódese lograr.

Comentarios