O documental 'Viveiro a través do tempo' podería chegar a festivais de Londres ou Nova York

O traballo do cineasta David de Bartolomé, con carreira en Hollywood, estréase este venres e sábado no teatro Pastor Díaz, con entrada gratuíta. O director ve posibilidades para que entre no circuíto internacional 
David de Bartolomé (centro) con impulsores e colaboradores do documental, a alcaldesa e o tenente de alcaldesa. AEP
photo_camera David de Bartolomé (centro) con impulsores e colaboradores do documental, a alcaldesa e o tenente de alcaldesa. AEP

O cineasta de Viveiro David de Bartolomé, que fai carreira en Hollywood, presenta ante os seus veciños o seu proxecto máis persoal, o documental Viveiro a través do tempo que estrea no teatro Pastor Díaz dividido en dúas partes, este venres e sábado ás 20.30 horas, con acceso libre.

O director amósase "bastante orgulloso de como quedou" e pensa que "pode ter posibilidades" no circuíto internacional de festivais documentais. "Gustaríame presentalo no festival do MoMA de Nova York, que é moi bo, e no festival de cine documental de Londres, onde este tipo de curiosidades son ben recibidas", sinala.

David de Bartolomé obtivo unha boa reacción das persoas que tiveron ocasión de velo, "á xente de Viveiro gustoulle e a parte estranxeira di que é espectacular, que estamos tolos e hai que vir aquí", comenta. As proxeccións no teatro Pastor Díaz son gratuítas —patrocinan a peza o Concello e a Deputación— e pódense recoller ata catro entradas por persoa na taquilla do teatro a partir das sete e media da tarde deste venres.

O cineasta levou a cabo o proxecto coa axuda do seu primo Diego de Bartolomé e da súa irmá Claudia. "Había varias razóns para facer esta peza, unha que non existía ningunha obra que englobara toda a historia de Viveiro, 900 anos, e outra poder ver a película no teatro Pastor Díaz, un templo persoal para min, onde descubrín o cine. Sentarme no salón do teatro é como unha fantasía", asegura.

Adianta que na primeira parte hai un percorrido histórico e a segunda profundiza nas festas e celebracións. "Falamos con 150 persoas pero ao final hai 86 na primeira e segunda parte. Está todo, tamén falamos con artistas, músicos, xente da cultura e con políticos como César Aja ou María Loureiro, e de Melchor Roel falan a súa viúva e fillos e conseguimos unhas gravacións que non se escoitaran ata agora", sinala sobre os entrevistados no documental, entre os que tamén están o presidente da Xunta de Cofradías, José Veiga, os artistas Alfonso Otero Regal e David Catá ou o deportista olímpico Adrián Ben. Tamén colaboraron Rafa Rivera con fotografías ou Joni Ramos coa música.

De El Progreso a Hollywood

O director sae no documental falando dos seus inicios como debuxante da tira cómica Xan Pirulo para este diario, xunto co seu pai. "Empecei en El Progreso, para min foi o trampolín para chegar a outras publicacións e conseguir traballo nos cómic, no videoxogo...", lembra sobre os seus inicios. Logo de formarse en arte e cine en Barcelona entrou no mundo das curtametraxes e lembra que traballou en producións de Bryan Yuzna, Stuart Gordon e outros cineastas americanos que lle fixeron dar o salto a Hollywood a traballar con Guillermo del Toro e outros. 

O director compaxinou o documental de Viveiro coa dirección da película americana First Lady of Motown sobre Claudette Robinson, a primeira muller que firmou un contrato coa lexendaria discográfica e que tivo que reformularse ao falecer unha das protagonistas, Mary Wilson. "Rematei os dous proxectos ao mesmo tempo e era un contraste, traballando cun produto grande, de todo estrelas de Motown como Stevie Wonder, e por outro lado o de Viveiro, que o fas ti mesmo", di, aínda que asegura que "non se nota en pantalla" a diferenza de presuposto entre os dous, pois puido facer a postprodución do documental viveirense —que é sen ánimo de lucro— con recursos da película en Los Ángeles e Canadá.

Viveiro a través do tempo é unha trioloxía e queda pendente unha terceira parte para "profundizar en cousas da historia e incluír outras persoas". Os documentais tamén se editarán en DVD e Blu Ray e está en marcha a publicación dun libro "con todo o proceso de como se fixo, entrevistas completas cos invitados, cambios de guion e fotos descartadas, para que non quede fóra ese material".