Doce concellos da Mariña fretan buses para a concentración por Alcoa en Lugo

O comité anima a participar a todos os lucenses, este sábado ás doce diante da Subdelegación do Goberno
alcoa foz
photo_camera Comité de Alcoa arroupado por alcaldes mariñáns na concentración de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O comité de Alcoa en San Cibrao anima a todos os lucenses a participar este sábado 14 ás doce do mediodía na concentración que teñen prevista ante a Subdelegación do Goberno en Lugo para reclamar ao Executivo central unha solución ao alto prezo da electricidade que pon "en serio risco" á fábrica. Desde A Mariña haberá autobuses para acudir desde doce concellos.

Os buses sairán desde o consistorio do Vicedo, o porto de Foz, o centro cívico de Xove, a Praza do Concello de Trabada, as estacións de autobuses de Burela, Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo, o restaurante Asador de Barreiros, a Casa do Mar de San Cibrao en Cervo, a chaira do matadoiro do Valadouro e a Praza do Concello de Lourenzá. Os interesados en reservar a praza deben chamar aos respectivos concellos.

O comité pediu colaboración aos alcaldes mariñáns para facilitar a participación de veciños e traballadores do complexo e as súas empresas auxiliares, pero insta tamén ao resto de cidadáns da provincia a que se unan á súa mobilización polo futuro da industria. "Animamos a todo Lugo a defender a súa industria, xa que é un motor fundamental para que o estado de benestar poida funcionar, para que teñamos hospitais, colexios ou pensións", comenta o presidente do comité de San Cibrao, José Antonio Zan.

Engade que realizan a concentración ese día "por estar aberta a Subdelegación" e para rexistrar unha carta na que solicitan a "apertura urxente da mesa de seguimento de Alcoa prometida pola ministra de Industria na súa visita a San Cibrao", fai xa máis de dous meses. 

Comentarios