Dobre cita para Adrián Ben

O atleta participará este sábado no campionato de España por clubs co Barcelona e o luns, no mitin internacional de Cataluña. En ambas as competicións correrá os 1.500 metros
Adrián Ben, en Valencia. AEP
photo_camera Adrián Ben, en Valencia. AEP

O atleta vivariense Adrián Ben terá nos próximos días unha dobre oportunidade para ir adquirindo ritmo competitivo nunha tempada marcada polo seu gran obxectivo: os Xogos Olímpicos de Tokio. Farao con dúas probas en pista cuberta que terán lugar en terras catalás. A primeira cita será este sábado, no campionato de España de clubs, e o luns disputarase o mitin internacional de Cataluña.

A segunda carreira da tempada chega para Adrián Ben no seu primeiro 1.500, que disputará no Palau Sant Jordi, onde defenderá as cores do FC Barcelona no campionato de España de clubs.

Tras as boas sensacións na súa volta ás pistas tras 11 meses sen competir, cunha marca rozando a mínima europea de 3.000 lisos, realizada no trofeo Luís Puig, en Valencia, Adrián Ben baixa agora ao 1.500, unha proba máis do seu gusto, pero tamén máis agresiva a nivel muscular, coa intención de sumar todos os puntos posibles para o FC Barcelona, ao tratarse dun campionato por clubs e non unha proba individual.

O gran rival na pelexa polo primeiro posto na carreira do sábado será o atleta do Playas de Castellón Abderraman El Khayami, que conta coa mellor marca dos seis deportistas que estarán na grella de saída. El Khayami foi capaz de correr en 3.41.61 e ademais fíxoo hai unhas semanas, precisamente en Valencia.

Adrián partirá coa segunda mellor marca, 3.42.50, conseguida tamén na pista levantina, pero o ano pasado, mentres que o terceiro mellor rexistro osténtao David Lorenzo, da Real Sociedade, aínda que lonxe de El Khayami e Ben, con 3.47.26. Os outros tres participantes na cita son Aleix Serra (Catalunya, 3.50.36); Ibrahim Chakir (Atlético Numantino, 3.51.36) e Miguel Guzman (Mislata, 3.55.00).

Tras a competición de mañá, Adrián Ben volverá a saltase a pista o para disputa, outra vez no mesmo escenario, o Palau Sant Jordi o mitin internacional de Cataluña, que reunirá a destacados atletas españois e internacionais. Ben competirá outra vez nos 1.500 no que será a súa segunda proba consecutiva nesta distancia e a terceira da tempada.

Comentarios