Mondoñedo énchese de disfraces ao caer as follas

A cidade acolle a primeira edición do Entroido de Outono
Una comparsa en el Entroido mindoniense. AMA
photo_camera Unha comparsa no Entroido mindoniense. AMA

Mondoñedo celebrará este sábado a primeira edición do Entroido de Outono, unha iniciativa na que se unen hostaleiros, comerciantes e o Concello e que busca atraer visitantes a unha localidade na que o Entroido de inverno é un referente e conta con importante participación. "De feito, son varios os grupos que xa anunciaron a súa presenza", explica Fina Seco Fernández, do restaurante O Petisco.

Súa foi a idea de organizar esta cita, á que se sumaron outros cinco locais hostaleiros dun total de 19 negocios da cidade, que se apuntaron para este primeiro evento, para o que tamén o Concello envorcouse, recoñece. "Comenteillo á alcaldesa e pareceulle moi boa idea, e o Concello colabora instalando unha carpa, os grupos de son e están a mirar de contratar unhas charangas para animar o día", asevera Seco.

A festa dará comezo ás sete da tarde na Praza do Concello, onde terá lugar o desfile dos participantes, que para optar a premio deben presentar un pasaporte selado nos seis locais de hostalería que se sumaron a esta cita. En cada un deles, haberá tapas con produtos típicos de Entroido, tanto salgados como doces, e incluso algún se animarán cun menú de cocido.

PREMIOS. Todos os negocios colaboradores fixeron pequenas doazóns "coas que faremos grandes cestas" que se entregarán aos gañadores, para os que se estableceron categorías de individual, parellas e grupos e comparsas. "En caso de haber disfraces intantis, tamén haberá premios", contan desde a organización.

A alcaldesa mindoniense, Elena Candia, mostrouse convencida do éxito deste primeiro Entroido de Outono e agradece o "dinamismo e implicación da hostalería local, que sempre se mostra predisposta a colaborar en eventos novos como este ."Unha vitalidade", insiste, "que fai que a cidade manteña ao longo do ano actividades que atraen visitantes e que dinamizan a vida económica e social".

Comentarios