Xacio Baño grava en Xove unha campaña de fomento da actividade empresarial en galego

Trátase dunha iniciativa do Concello na que entrevista a seis emprendedores do municipio

xacio baño xove
photo_camera Gravación dunha das entrevistas da campaña. AMA

O director de cine xovense Xacio Baño colabora co departamento de emprego do seu Concello na gravación dunha campaña de fomento do emprendemento e a actividade empresarial en galego, mediante a cal foron entrevistados seis emprendedores do municipio que empregan a lingua propia na súa actividade profesional. "Son celoso do meu tempo —di o director, en plena promoción da película Trote— pero apetecíame apoiar este proxecto, que me parece moi necesario", dixo.

Segundo indica, onte mesmo remataron a gravación das entrevistas desta iniciativa denominada Xovemprende en galego nas que os protagonistas son Nacho Rodríguez de Evox Vertical, Fabián Ben de Emarela, o topógrafo Samuel Míguez, a consultora Lucía Canoura, o vendedor de peixe ambulante Iván Rodríguez e Marta Louzao, de Centro Estética Marta.

"Levamos semanas preparando a maneira de enfocar os vídeos e analizando os perfís dos entrevistados para dar co amalgama máis plural de xente que vive e emprende en Xove e que utiliza o galego como lingua vehicular e propia do negocio", conta Xacio Baño, quen reflexiona sobre o feito de que "a xente ten na cabeza de que para os negocios hai que empregar o castelán e esta campaña mostra que é perfectamente viable falar de cartos e de negocios en galego, porque é a nosa lingua e hai que defendela e promulgar que sigamos comunicándonos nela".

Unha vez rematadas as gravacións "aínda queda a montaxe e posprodución das pezas", comenta o director, que avanza que máis adiante haberá unha presentación do proxecto no concello para dar a coñecer os vídeos, que tamén se difundirán "na web municipal o espazo do departamento de emprego do Concello, para que se distribúan nas redes as nosas historias".

TROTEXacio Baño atópase actualmente nunha época «moi bonita» coa súa primeira longametraxe Trote. "Son uns meses de moita viaxe, moita promoción, de acompañar a película no seu nacemento e ensinala por primeira vez. O traballo de moitos anos chega a un sitio moi fermoso que é o contacto co público", relata.

O xovense estreou a cinta no festival de cine de autor de Locarno, en Suíza, e hai pouco tivo a estrea nacional en Donosti. Madrid, Barcelona, Alemania, Polonia ou Austria serán algunhas das súas vindeiras postas de longo.

Comentarios