O director do instituto de Foz no que cursaba os seus estudos de Hostalería Minaene Franco, a muller de 36 anos asasinada polo seu fillo menor, afirmou que a vítima, cando “puido arranxar os papeis” para residir en España, “estaba a buscarse un futuro mellor”.
Nicolás Asensio fixo estas declaracións aos medios de comunicación logo da concentración silenciosa celebrada este martes no instituto focense, para expresar a repulsa da comunidade educativa ante este suceso, así como para escenificar a “máis unánime condena a calquera tipo de violencia”.
O director do centro confirmou que se fixo un “chamamento á comunidade educativa”, ao que responderon, ademais dos actuais compañeiros de Minaene, “pais, antigos profesores, antigos alumnos e membros da corporación municipal”.
“Estamos consternados. Neste caso aínda nos doe e estráñanos máis porque son xente próxima a nós e coa que conviviamos”, recoñeceu Nicolás Asensio, e “os mozos están doídos”.
Segundo as súas palabras, no centro nunca percibiron indicios dunha mala relación previa entre nai e fillo, porque ela “era unha persoa adulta que levaba o seu curso con total normalidade”.
"O seu fillo fora alumno noso, con total normalidade. Fixera os mesmos estudos que calquera fillo noso, sacara o seu graduado en secundaria e continuara co seu ciclo”, precisou, mentres que “a nai, cando puido arranxar os papeis, estaba a buscarse un futuro mellor, cursando uns estudos do ciclo superior de Hostalería”. “Unha familia en grao sumo normal, como calquera outra”, recoñeceu.
Ás 20.00 horas, ante a Casa Consistorial, procederase á lectura dun manifesto de condena de todo “tipo de violencia”, acordado por todos os grupos políticos con representación no Concello de Foz, e posteriormente gardaranse tres minutos de silencio.