O director do colexio de Ferreira xubílase logo de 41 anos dedicado ao ensino

Enrique Penabad asegura que marcha satisfeito despois de tentar sempre que os alumnos saísen o mellor formados posible do colexio
Enrique Penabad. AMA
photo_camera Enrique Penabad. AMA

O ensino é a vida de Enrique Penabad, o director do colexio de Ferreira do Valadouro, quen se xubila este martes logo de 41 anos dedicados á súa vocación. Ademais, o centro valadourés é a súa segunda casa, posto que estivo á fronte del 35 anos, 2 meses e 3 días. Case media vida, polo que onte os seus compañeiros e máis a Anpa quixeron compartir con el un aperitivo no comedor do centro, onde recibiu uns agasallos.

Penabad di sentirse ben cos compañeiros, cos pais e cos nenos, cuxo agarimo é para el "un agasallazo, iso non se paga". Vaise satisfeito, porque o ensino "é unha paixón da que nunca te cansas; eu nunca fun traballar, sempre fun para o cole, o que demostra que tes obxectivos alí", explica.

O docente, tamén moi implicado na vida cultural e deportiva, recalca que ninguén o obrigou, recoñece que sempre estivo a gusto e tivo inquedanzas por mellorar. Defende que "a innovación é fundamental para a motivación dos alumnos, dos profesores e tamén para min". Indica que o obxectivo sempre foi o enriquecemento dos estudantes para que saian o mellor formados posible. Engade que segue a pensar que "no ensino educámonos uns aos outros mediatizados pola zona onde vivimos, como di Paulo Freire, necesitamos estar todos na mesma liña", recalca.

Na súa traxectoria profesional pasou por tres centros: O Barqueiro –un ano–, Porto de Espasante –catro anos– e Ferreira –35–. Cursou a especialidade de Matemáticas e Ciencias Naturais na diplomatura de Maxisterio e tamén a licenciatura de Ciencias da Educación coa especialidade en Dirección en Centros e Música, disciplina que tamén ten un oco moi importante na súa vida pois leva 40 anos na agrupación O Arco da Vella, de Barreiros.

Lembra con nostalxia os catro anos "moi bos" que pasou con 25 nenos de Espasante na escola unitaria, etapa "con moita ilusión". Logo foi para Ferreira e só un ano despois presentouse ao cargo de director, con só 28 anos. Como anécdota conta que estivo tan a gusto que ata deixou de xogar ao fútbol, "porque me levaba moito tempo, facíaseme pesado entrenar". Penabad di que lle parecía que dende ese posto podía facer máis cousas. "O descoñecemento do cargo era grande e as ganas moitas", conta ao tempo que subscribe a frase do filósofo Kant de que "o ensino é a maior aventura humana".

Como director sempre buscou gañarse a confianza de toda a comunidade educativa. Lembra a transformación do centro, os proxectos europeos, o terceiro premio de innovación educativa, as accións para favorecer a conciliación familiar e o festival de Semana Santa, que é todo un referente, e para o que tivo que pedir axuda aos pais cando se pasou da EXB á educación primaria.

Comentarios