Dimite unha concelleira do PSOE de Foz polo conflito entre os centros de día

Verónica Peña, que concorreu como número tres da lista socialista e levaba as áreas de muller, igualdade e inmigración, denunciou competencia desleal das instalacións públicas
Verónica Peña. AMA
photo_camera Verónica Peña. AMA

A denuncia pública feita a semana pasada polo centro de día Aloumiños de Foz asegurando que o centro público está a incumprir as condicións do contrato autorizado pola Xunta e, xa que logo, facendo competencia desleal á empresa privada, xa tivo consecuencias no equipo de goberno focense.

A concelleira de muller, igualdade e inmigración, Verónica Peña, copropietaria de Aloumiños e número tres da lista socialista nas pasadas eleccións, presentou a súa dimisión o pasado mércores, "para evitar a deterioración da imaxe do equipo de goberno e a manipulación que, finalmente e tristemente, fixo efectiva o PP", asegurou este luns o alcalde, Fran Cajoto. "Ante un posible conflito entre o Concello de Foz e o centro de día Aloumiños esta renuncia desbota calquera tipo de sospeita e dá conta da seriedade e compromiso que ten o equipo de goberno co noso pobo, especialmente non eido social", engadiu.

O alcalde sae así ao paso das críticas vertidas polo PP, nas que aseguraba que "chama poderosamente a atención que sexa unha empresa participada pola actual concelleira socialista a que denuncie á residencia pública e acuse ao seu compañeiro de corporación e alcalde no que parece un claro conflito de intereses persoais de membros do goberno".

"Parécenos moi preocupante a mala imaxe que se está dando por parte do goberno e especialmente o dano que se está facendo a unha institución como é a residencia de anciáns, que polo que coñece o PP e coincidente coas palabras do propio alcalde está a funcionar de forma correcta sen ter queixa ningunha dos usuarios por mala xestión", asegurou o portavoz popular, Javier Castiñeira.

Os populares solicitaron un pleno extraordinario para que o goberno aclare este conflito, ademais de pedir a convocatoria da comisión de seguimento da residencia

Neste sentido, Cajoto asegura que "en ningún momento, ningún membro do PP se puxo en contacto con este equipo de goberno para informarse ou preocuparse da situación. Estamos moi contentos co servizo que están a prestar na residencia e centro de día de Foz, respecto ao cal non temos queixa de ningún usuario", insistiu Cajoto, "ante a denuncia verbal recibida no tocante ao cumprimento dos pregos de contratación, foi remitida a información de inmediato aos servizos técnicos, que son encargar de revisar o cumprimento dos mesmos e ser garantes de que se cubra calquera eiva administrativa".

Os populares solicitaron un pleno extraordinario para que o goberno aclare este conflito, ademais de pedir a convocatoria da comisión de seguimento da residencia. Tamén solicitan unha declaración institucional en apoio do servizo municipal que se dá na residencia e centro de día, ademais de instar o goberno "a que deixe de presionar e danar a imaxe da institución por parte de membros do seu equipo e en todo caso reprobar a actitude da concelleira Verónica Peña por non saber separar os intereses persoais da súa empresa cos adquiridos pola condición de concelleira".

A este respecto Cajoto dixo que resulta "incomprensible" pedir un pleno extraordinario, porque está previsto un ordinario o xoves: "O máis lóxico sería a presentación dunha moción de urxencia no pleno ordinario, pero no caso de que o PP non rectifique e dado que a lexislación obriga á súa convocatoria, o próximo xoves teremos a paradoxa de poder asistir a dous plenos, un extraordinario e outro ordinario".

Comentarios