Detido un mozo focense con 220 gramos de haxix

A Garda Civil acúsalle de portar 22 landras desta substancia. Localizados na costa asturiana fardos con 90 quilos de cocaína

Os axentes da Garda Civil detiveron a pasada madrugada na vila focense, nas inmediacións da Rúa Conde de Fontao, a un mozo de 18 anos, veciño da localidade, ao que lle foron aprehendidas 22 landras de haxix que levaba consigo. Cada unha destas porcións pesaba dez gramos, co que o total incautado elévase aos 220 gramos.

Acúsaselle de comercializar con esta substancia de curso ilegal.

Na localidade focense sorprendeu tamén a presenza dos efectivos da Sección de Intervención Rápida (Sir) da Garda Civil, que velaron para que non houbese ningún altercado entre os dous mil asistentes ao partido que enfrontou ao Deportivo contra o Oviedo.

FARDOS. Por outra banda, á costa occidental de Asturias continúan chegando fardos de cocaína, máis aló do litoral de Navia, cuxa procedencia aínda se investiga. O domingo, ao mediodía, un dos helicópteros que rastrexa a zona –un do Instituto Armado e outro de Salvamento Marítimo– atopou outra partida flotando no mar, co que xa son 90 os quilos recuperados.

A Garda Civil non descarta que continúe aparecendo droga entre a costa occidental de Asturias e a mariñá durante os próximos días. Os fardos pesan uns 20 quilos cada un e xa apareceron catro desde o venres, entre as localidades de Luarca e de Navia, esta última a uns 30 minutos en coche desde Ribadeo.

Foi un barco con base no porto de Cudillero o que avisou á Garda Civil ao ver estas cargas no mar o pasado venres.

A Garda Civil trasladou a droga localizada no mar á Comandancia de Oviedo desde onde dirixen a investigación. En principio, descártase que o cargamento estea relacionado co alixo interceptado esta semana preto dos Azores, dirixido a Galicia.

Comentarios