Detido un lucense por furtar dous pastores eléctricos de sendas leiras de Ribadeo

A Garda Civil tamén investiga un veciño de Bóveda e outro da capital por receptación, ocultación e posterior venda destes obxectos. Localizáronos grazas ao GPS dun dos equipos

Pastores eléctricos Ribadeo.EP
photo_camera Pastores eléctricos Ribadeo.EP

A Garda Civil detivo un veciño de Lugo como suposto autor de dous delitos de furto de dous pastores eléctricos instalados en sendas leiras en Ribadeo o pasado día 12 e ademais imputa en calidade de investigados a un veciño de Bóveda e outro de Lugo por receptación, ocultación dos obxectos subtraídos e a súa posterior venda.

Os axentes da Garda Civil tiveron coñecemento de que non dos pastores estaba provisto de sistema de localización GPS, polo que realizaron un seguimento dos seus movementos. As localizacións que reportaba achábanse dentro da cidade de Lugo e sempre preto de edificios con varias vivendas, o que impedía obter unha localización concreta ao dar unha marxe de erro de varios metros.

Tras varios días detectaron que o pastor se situaba nunha vivenda unifamiliar de Santa María de Bóveda, tras descubrirse que llo ofreceu unha terceira persoa. Os gardas recuperaron así os dous pastores subtraídos e atribúenlle un delito de receptación.

O mesmo sistema GPS foi o que permitiu descubrir a identidade do autor material dos furtos e o vehículo utilizado. O detido e os investigados pasaron a disposición xudicial.