Desconectan a alarma dun local de Ribadeo e levan 500 euros

O suceso produciuse no coñecido establecemento Casa Foguete, en Vilaframil

A madrugada do sábado ao domingo, unha ou varias persoas entraron no coñecido local de hostalería Casa Foguete de Vilaframil, en Ribadeo e levaron 500 euros de cambio que había na caixa rexistradora, ademais de esnaquizar o equipo de vixilancia e levar o disco duro onde se gardan as imaxes das cámaras de seguridade.

Segundo explicaron desde o establecemento, as persoas que accederon ao local puideron facelo pola fiestra da oficina, que é a única que non está controlada polas cámaras de seguridade, e unha vez no interior desconectaron a alarma e perpetraron o roubo.

O autor ou autores do feito só foron á caixa rexistradora e ao equipo de seguridade, valorado nuns 3.000 euros, pero non tocaron a outras máquinas do local como a do tabaco. Por estes feitos xa puxeron a correspondente denuncia ante a Garda Civil, que investiga o sucedido.

Comentarios